Saltar ao contido

Lublin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaLublin
Fotomontaxe
Imaxe

Localización
Mapa
 51°15′00″N 22°34′00″L / 51.25, 22.5667
EstadoPolonia
VoivodatosVoivodato de Lublin Editar o valor en Wikidata
Capital de
Contén a división administrativa
Abramowice (en) Traducir
Bronowice (en) Traducir
Czechów Południowy (en) Traducir Editar o valor en Wikidata../... 27+
Poboación
Poboación334.681 (2021) Editar o valor en Wikidata (2.269,02 hab./km²)
Xeografía
Superficie147,5 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porBystrzyca (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altitude163 m Editar o valor en Wikidata
Creación1317 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Xefe do gobernoKrzysztof Żuk (en) Traducir (2010–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal20-001–20-999 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico81 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
Hakkâri
Anápolis
Mykolaiv (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata../... 33+

Sitio weblublin.eu Editar o valor en Wikidata
BNE: XX457020

Lublin é a maior cidade do leste de Polonia e a capital do Voivodato de Lublin, cunha poboación de 348.450 habitantes (2010), é a novena cidade polaca en poboación[1].

Castelo de Lublin.

Os vestixios máis antigos de presenza humana na zona que hoxe ocupa Lublin datan de 10.000 anos antes da nosa era[2].

Primeiros asentamentos

[editar | editar a fonte]

Os primeiros asentamentos permanentes no que hoxe é Lublin foron establecidos no inicio da Idade Media, entre tanto, achados arqueolóxicos indican a presenza de varias culturas locais en épocas anteriores a esta. O máis antigo e significativo asentamento foi iniciado no século VI, nun outeiro localizado no suburbio de Czwartek (en galego: quinta feira ou xoves, moi probablemente debido ao día da semana en que tiña lugar a feira no poboado), debido con toda probabilidade á súa posición facilmente defendible e á fertilidade das terras. Escavacións arqueolóxicas neste outeiro atoparon 25 cabanas datadas entre os séculos VI e X, ademais de restos de olería e de cereais, o que parece demostrar o carácter esencialmente agrícola deste asentamento. É probable que os outeiros próximos, principalmente o lugar onde actualmente se localiza a Cidade Vella, tamén teñan sido poboadas nestas épocas[2].

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Nos séculos X e XI o devandito poboado de Czwartek tornouse un importante centro de comercio. Restos arqueolóxicos permiten afirmar que a primeira igrexa de Lublin se construíu neste outeiro no século IX[2]. A localización de Lublin próxima á fronteira oriental das terras polonesas deulle unha importancia militar estratéxica. A primeira fortificación no lugar pode ter sido construída xa no século VIII, posiblemente no outeiro do Castelo. Con certeza ao termo do século X xa había alí unha importante fortificación. Cando o castelo foi construído, o outeiro adxacente a el, a Cidade Vella, tornouse o foco principal dos novos asentamentos, e o poboado de Czwartek minguou en importancia. O castelo tornouse propiedade dun nobre, mencionado por primeira vez en fontes históricas en 1224, mais bastante posiblemente presente desde o comezo do século XII, ou até mesmo do século X. O documento histórico máis antigo que menciona Lublin data de 1198, e certamente o seu nome debe ter entrado no uso común algún tempo antes. Nesta época foi cando a actual Cidade Vella toumou forma de centro urbano, articulándose en torno á praza da feira e a igrexa dos Dominicos[2].

A Cidade Vella.

A aldea foi albo de ataques por parte de tártaros (1241, 1259 e 1287), rutenos, iotivinxianos e lituanos e foi destruída varias veces. Recibiu o título de cidade en 1317,bsendo Maciej de Opatowiec o seu primeiro gobernador[3]. Casimiro o Grande, avaliando a importancia estratéxica do lugar, mandou erguer con pedras un castelo acompañado dunha capela da Santísima Trinidad en 1341 e cercou a cidade con murallas.

En 1392, a cidade recibiu do rei Władysław Jagiełło importantes privilexios na área de comercio, e co establecemento da paz entre Polonia e Lituania acabou transformándose nun grande centro comercial entre os dous países. Nesta época realizáronse os murais ruso-bizantinos da capela da Santísima Trindade. En 1474 a área ao redor de Lublin foi escollida para formar a Provincia de Lublin, da que Lublin segue sendo capital hoxe en día[2].

Idade de ouro: séculos XV e XVI

[editar | editar a fonte]

Nos séculos XV e XVI a cidade tivo un rápido crecemento. A cidade expandira por efecto do comercio, foi nesta época cando naceu a arteria da Krakowskie Przedmieście. O comercio trouxo a Lublin xente de diversas nacionalidades, pois en Lublin aconteceran as maiores feiras da República das Dúas Nacións. Tamén foi un importante centro cultural polaco: en 1513 publicouse en Lublin o primeiro libro escrito en polaco, Raj Duszny do autor lublinés Biernat de Lublin (considerado o primeiro autor en lingua polonesa).[2]

Durante o século XVI as reunións do parlamento (sejm) aconteceran en Lublin innúmeras veces. No día 26 de xuño de 1569, unha das máis importantes sesións do parlamento proclamou a Unión de Lublin, que uniu Polonia e Lituania.

A Unión de Lublin. Cadro de Jan Matejko.

Algúns dos artistas e escritores do Renacemento polonés viviran e traballaran en Lublin, inclusive Sebastian Klonowic e Jan Kochanowski, que morreran na cidade en 1584. En 1578 o Tribunal da Coroa estabeleceuse na cidade, e así pasou a contar co máis alto tribunal da rexión da Pequena Polonia (Małopolska).

Desde a segunda a metade do século XVI, movementos da Reforma protestante xurdirán en Lublin, e unha grande congregación de Irmáns poloneses estivo presente na cidade[2]. Unha das máis importantes comunidades xudaicas de Polonia tamén se estableceu en Lublin neste período. Esta comunidade continuou sendo unha parte vital da vida da cidade até que foi exterminada durante o Holocausto nazi. Entre 1580 e 1764 o Consello Xudeu das Catro Terras (Va'ad Arba' Aratzot) celebrouse en Lublin. Setenta delegados de comunidades xudaicas locais (kahals) xuntábanse para discutir asuntos de tributos e outros importantes temas de interese para as comunidades.

Viñan estudantes para Lublin de todas partes de Europa para estudar no yeshivá. O yeshivá tornouse un centro de aprendizaxe do Talmud e da Cábala. A grande bolsa de estudos para aqueles que estudaban aláí levaron á cidade a ser nomeada a Oxford xudía; o Rosh yeshivá recibía o título de reitor e dereitos iguais aos das universidades polonesas coa autorización do Rei en 1567.

Decadencia: séculos XVII a XIX

[editar | editar a fonte]

No século XVII, a cidade sufriu un declinio debido a conflitos relixiosos, económicos (perda de influencia das feiras), epidemias e invasións estranxeiras. Son representativas deste momento de decadencia a epidemia da peste dos 1630, na que morreron unhas 5.000 persoas, e as invasións cosaca e rusa de 1655, seguidas da invasión sueca durante as Guerras do Norte (1655-1661)[2]. Sumida na decadencia e na pobreza polas guerras, Lublin foi perdendo o seu esplendor pasado, non empezando a reconstrución tralos ataques do século XVII ata 1780. A poboación diminuíu durante todo o século XVIII. Após a terceira partición de Polonia en 1795 Lublin pasou a ser dominio do Imperio Austríaco, despois, a partir de 1809 pasou ao Ducado de Varsovia, e desde 1815 á Polonia do Congreso baixo o goberno ruso.

No comezo do século XIX leváronse a cabo varios desenvolvementos urbanos modernos, co xurdimento de novas prazas, rúas, xardíns e edificios públicos[3].

Lublin uniuse ó Levantamento de Novembro, a revolución pola que os polacos intentaron liberarse a dominación rusa en 1830, revolta que foi esmagada polas tropas rusas en 1831. En 1877 foi construída unha conexión de camiño de ferro para Varsovia e Kovel, que impulsou o desenvolvemento industrial na cidade. A poboación de Lublin creceu de 28.900 habitantes en 1873 a 50.150 en 1897 ata case 80.000 xusto antes da I Guerra Mundial, dos aue os xudeus representaban o 50%, os católicos o 40% sendo o resto da poboación ortodoxos ou protestantes[2].

Parte do interior da catedral de Lublin.

Século XX

[editar | editar a fonte]

O dominio ruso terminou en 1915, cando a cidade foi ocupada polos exércitos alemán e austrohúngaro. Despois da derrota da Tripla Entente en 1918, o primeiro goberno da Polonia independente operou en Lublin por un breve período de tempo. Entre a Primeira e a segunda guerra mundial, a cidade continuou a se desenvolver. A poboación creceu e a comunidade xudaica representaba case 40% dos habitantes da cidade. Realizáronse investimentos industriais importantes, inclusive a primeira fábrica de avións de Polonia - Zakłady Mechaniczne A. Plage i T. Laśkiewicz. A fábrica produciu aeronaves entre 1920 e 1935, cando foi nacionalizada como Lubelska Wytwórnia Samolotów - LWS.

A Universidade Católica de Lublin foi fundada en 1918. Despois da invasión de Polonia pola Alemaña nazi en 1939, a cidade pasou a depender do Goberno Xeral. Durante a ocupación alemá, a poboación da cidade foi albo de intensa represión por parte dos ocupantes, cun destino particularmente severo reservado para os habitantes xudeus. Os alemáns realizaron varios plans para transformar Lublin nunha cidade xermanizada e a proporción da poboación de etnia alemá pasou de 20-25% do total, en 1944, a un 30-40% no ano seguinte.

A cidade serviu como cuartel-xeral alemán para a Operación Reinhard, o principal esforzo alemán para exterminar os xudeus na Polonia ocupada. A poboación xudía de Lublin foi forzada a se estabelecer no gueto de Lublin, ao redor da área de Podzamcze. A maioría dos habitantes do gueto, aproximadamente 26.000 persoas, foi deportada para o campo de exterminio de Bełżec entre o 17 de marzo e o 11 de abril de 1942.

O restante foi enviado a instalacións arredor de Majdanek e un gran campo de concentración foi feito nos arredores da cidade. A maioría desas persoas morreron ao final da guerra.

O campo de Majdanek e a prisión establecida no castelo de Lublin, serviron tamén como os principais centros de medidas de terror contra a poboación non-xudía de Lublin e do distrito veciño.

Monumento do Holocausto en Lublin, coa Igrexa dos Dominicos ao fondo.

Despois da guerra, os poucos xudeus que sobreviviran, escondéndose ou fuxindo para territorio soviético, restableceron unha pequena comunidade xudaica na cidade, mais foi rapidamente reducida a case nada cando a maioría dos seus integrantes trocou Polonia por Israel e polo Occidente, nos primeiros anos logo da guerra.

En 1944, a cidade foi tomada polo Exército soviético e tornouse a capital do Comité de Liberación Nacional Polonés (polonés: Polski Komitet Wyzwolenia Narodowego, PKWN) tamén coñecido por Comité Lublin, con control comunista. A capital mudou para Varsovia en xaneiro de 1945.

Nos anos da posguerra, Lublin continuou a crecer, triplicando a súa poboación e expandindo grandemente o seu territorio. Unha importante base de investigación científica foi instalada en torno da recentemente fundada Universidade Marie Curie-Skłodowska. Tamén se fundou unha grande fábrica de vehículos (Fabryka Samochodów Ciężarowych - FSC) en 1950.

En xullo de 1980, os traballadores de Lublin e da veciña Świdnik comezaron a primeira serie de folgas en masa contra o réxime comunista, a cal posteriormente conduciu á aparición do movemento Solidariedade. A primeira folga comezou o día 8 de xullo na fábrica WSK en Świdnik. Espallouse rapidamente a outras fábricas en Lublin e a rexión veciña. A rede ferroviaria e o tránsito da cidade pararan. Por fin, 150 fábricas que empregaban a 50.000 traballadores adherínranse á folga. Os folguistas usaron unha táctica moderna de ficar dentro das súas fábricas e ocupalas, en vez de marchar nas rúas, onde as autoridades facilmente usarían da forza contra eles. Os traballadores facían reivindicacións de natureza económica e política, tales como novas eleccións para o liderado dos sindicatos, cancelamento dos privilexios para a clase gobernante do Partido Comunista e redución da burocracia nas fábricas.

As folgas de xullo duraron dúas semanas. As autoridades comunistas conseguiran conducilas até un fin pacífico, facendo concesións basicamente económicas aos traballadores. Porén, o impulso xerado polas folgas de Lublin rapidamente deu orixe a unha nova serie de folgas na rexión de Gdańsk, en agosto de 1980. Nesta última os traballadores usaron tácticas semellantes ás usadas polos traballadores de Lublin un mes antes, e desta vez as autoridades comunistas tiveron que aceptar a exixencia dos folguistas de artellar un sindicato independente, que logo se transformaría no Solidariedade.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Localización de Lublin.
  • Está situada á beira do río Bystrzyca, na ruta entre as cidades de Varsovia, Cracovia e a antiga URSS. Importante centro cultural e económico do SE polaco.
  • Altitude: 170 metros.
  • Latitude: 51º 21' N.
  • Lonxitude: 22º 21' E.
  • Distancia ás principais cidades de Polonia:

Varsovia - 161 km.

Kielce - 179 km.

Rzeszów - 205 km.

Cracovia - 273 km.

Łódź - 308 km.

Katowice - 323 km.

Gdańsk - 504 km.

Wrocław - 514 km.

Economía

[editar | editar a fonte]

O Leste de Polonia é unha das zonas máis deprimidas da Unión Europea. Lublin é a capital de Lubelskie, considerada a máis pobre de tódalas rexións polacas[4]. Por ese motivo no ano 2007 creouse unha Zona Económica Especial que permite que os invesores que se instalen nesta rexión disfruten de exencións fiscais e de axudas estatais en forma de créditos a baixo interese[5].

Industria

[editar | editar a fonte]

Durante o século XX destacaba Lublin pola industria do automóbil e de maquinaria agrícola especialmente pola creación da Fabryka Samochodów Ciężarowych en 1950. Esta fábrica sufriu moitas dificultades nos anos 1990 e 2000. Na actualidade segue producindo vehículos, logo de ser adquirida en 2009 por DZT Tymińscy Sp. J., convertida logo en Honker Polonia[6].

Ademais Lublin é capital dunha fértil rexión que produce carne, trigo, fariña, azucre, tabaco, cervexa e aceites vexetais. Por ese motivo a cidade ten industrias de tratamento de alimentos e coa principal plataforma de distribución alimentaria e de flores do Leste de Polonia, o mercado de Elizówka[1].

Servizos e educación

[editar | editar a fonte]

Na actualidade, a pesar da continuidade na produción da súa industria automobilística, as principais fontes de empregos son o sector servizos e a presenza de numerosas universidades[7]. Ten cinco universidades consideradas públicas: a Universidade Católica de Lublin (única do seu tipo en Polonia), a Universidade de Medicina, a Universidade de Ciencias da Vida, a Universidade Tecnolóxica de Lublin e a Universidade María Curie Skłodowska, unha das maiores do país. A estas únense outros tantos centros privados especializados, abertos nos últimos anos[8]. En 2009 86.000 estudiantes estaban inscritos nestas universidades.

Nos últimos anos instaláronse en Lublin varias empresas do sector servizos, especialmente tecnolóxicas, traídas polos incentivos fiscais e de crédito, polo baixo prezo dos alugueiros (un 60% do de Cracovia), pola presenza de man de obra cualificada, pola relativa proximidade con Varsovia e por uns salarios medios que só representaban en 2011 un 73% da media na capital do país. En paralelo, as administracións local e rexional puxeron en marcha diversos proxectos de colaboración entre as universidades e pequenos emprendedores, creando un parque tecnolóxico, incubadores de proxectos e fundacións especializadas en dar apoio a novas empresas[9].

Transportes

[editar | editar a fonte]

Lublin está situada no Leste de Polonia, a só 82 km do posto fronteirizo de Dorohusk (Ucraína).

En Lublin conflúen tres das principais estradas nacionais polacas:

  • a 12, que une o oeste de Polonia con Kíiv, en Ucraína.
  • a 17, que chega de Varsovia ata Lviv, en Ucraína.
  • a 19, que atravesa o leste de Polonia de norte a sur, dende Białystok ata Rzeszów.

Actualmente están en construción os accesos e a circunvalación da cidade por medio da S12/S17[10].

Autobuses

[editar | editar a fonte]

Lublin posúe unha estación de autobuses da que parten diariamente buses con destino ás principais cidades polacas[11].

A cidade conta cun sistema de autobuses urbanos (con máis de 60 liñas en servizo) e de trolebuses (7 liñas) operados pola empresa MPK[12].

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]

Lublin ten enlaces ferriviarios co Oeste de Polonia, con vilas da rexión de Lublin e con Kíiv. A estación de trens foi construída no 1877 por decisión do tsar de Rusia. Logo da independencia de Polonia, concretamente nos anos 1924 e 1925, foi remodelada seguindo un deseño de Jerzy Müller que transformou a fachada, adaptándoa ás tradicións arquitectónicas polacas[13].

Aeroporto

[editar | editar a fonte]

No 2012 inaugurouse o aeroporto de Lublin, situado na vila veciña de Świdnik. Na actualidade ten ligazóns regulares con Londres, Oslo, Gdańsk, Milán e Roma. Lufthansa anunciou que a partir de xullo do 2014 operará dous voos semanais a Frankfurt[14].

Monumentos e lugares de interese

[editar | editar a fonte]
Casa do concello.
Tribunal da Coroa.
Catedral.
  • A nova Casa do concello (Goberno da Cidade).
  • Porta Krakowska ( Museo da Historia da Cidade de Lublin).
  • Porta Grodzka.
  • O castelo (Museo Lubelskie).
  • A catedral.
  • A Torre Trynitarska (Museo Archidiecezjalne).
  • A antiga Casa do concello - o Tribunal da Coroa.
  • O palacio dos Czartoryski.
  • O palacio dos Lubomirski.
  • O palacio Pogubernialny.
  • O teatro "Juliusz Osterwa".
  • O Teatro "Andersen" (de Bonecos e do Actor).
  • Igrexas.
    • A igrexa e o mosteiro dos Dominicos.
    • A igrexa baixo a advocación do Espírito Santo.
    • A igrexa e o mosteiro dos Bernardinos.
    • A igrexa pobrygidkowski.
    • A igrexa e o mosteiro dos Capuchinos.
    • A igrexa evanxélica.
    • A igrexa e o mosteiro dos Carmelitas Descalzos.
    • Antiga igrexa ortodoxa grega - actualmente Igrexa de San Jozafat.
    • A igrexa de San Nicolás en Czwartek.
    • Igrexa ortodoxa.
    • O Palacio Episcopal.
  • Monumentos.
    • O monumento á Unión Polonia - Lituana.
    • O monumento ó Mariscal J. Pilsudski.
    • O monumento ó Soldado Descoñecido.
    • O monumento á Constitución do 3 de maio.
    • O monumento a Jozef Czechowicz.
    • O monumento a Jan Kochanowski.
    • O monumento ás Vítimas do Gueto.
  1. 1,0 1,1 "Folleto de información económica do concello de Lublin" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de febreiro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Denys,  Marta; Kopciowski Dariusz; Studziński, Jacek; Teodorowicz-Czerepińska, Jadwiga; Turski, Stanisław; Martinka, Agnieszka (2012). Gaudium, ed. Lublin, the guidebook (en inglés). Lublin. pp. 10–20. ISBN 978-83-7548-119-8. 
  3. 3,0 3,1 "Historia de Lublin" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2011. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  4. "Dados do Eurostat do ano 2013" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  5. "Sitio oficial da campaña "Why Eastern Poland"" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  6. "Páxina de Honker Polonia" (en polaco). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2014. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  7. "Folleto de información económica do concello de Lublin" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de febreiro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  8. "Sección de Univercities Network referida a Lublin" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2014. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  9. "Folleto de información económica do concello de Lublin" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de febreiro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  10. "Sitio oficial do proxecto S12/S17 de accesos a Lublin" (en polaco). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2014. 
  11. "Lista de destinos e horarios da estación de autobuses de Lublin" (en polaco). Consultado o 23 de abril de 2014. 
  12. "Sitio da MPK" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2014. 
  13. "Artigo adicado á estación de trens en Leksykon Lublin" (en polaco). Consultado o 23 de abril de 2014. 
  14. "Nota de presa de Lufthansa" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2014. Consultado o 23 de abril de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]