Saltar ao contido

Zen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zen

Bodhidharma meditando.
Xilografía impresa por
Yoshitoshi, 1887.
Nome xaponés
Rōmaji Zen
Hiragana ぜん
Kanji
Nome chinés
Mandarín Hanyu Pinyin Chán
Mandarín segundo Wade-Giles Ch'an
Cantonés Sim3
Wu Zeu [zø]
Chinés tradicional
Chinés simplificado
Nome coreano
McCune-Reischauer Sŏn
Hangul
Hanja
Nome sánscrito
Romanización Dhyāna
Devanágari ध्यान
Nome pāli
Romanización Jhāna
Devanágari झान
Nome vietnamita
Quốc ngữ Thiền
Hán tự

O zen (en chinés: , pinyin: Chán, en chinés medio: dʑjen) é unha escola do budismo mahāyāna que xurdiu na China durante a dinastía Tang como Chán. Foi fortemente influenciado polo taoísmo, e desenvolveuse como un estilo chinés do budismo. Dende a China, o Chán espallouse polo sur cara a Vietnam, ó nordeste a Corea e ó leste ó Xapón, onde pasou a coñecerse como zen xaponés.[1]

O zen céntrase na práctica rigorosa da meditación, o coñecemento da natureza de Buda, e a expresión deste coñecemento na vida diaria, especialmente para o beneficio doutros.[2][3] Por iso, pon menos énfase no coñecemento de sutras e a doutrina,[4][5] favorecendo o entendemento a través de zazen e a interacción cun mestre consumado.[6]

O ensino do zen inclúe varias fontes de pensamento Mahāyāna, especialmente Yogācāra, os Sutras Tathāgatagarbha e a Huayan.[7][8] A literatura Prajñāpāramitā[9] e, en menor grao, Madhyamaka, tamén tiveron influencia na conformación da "lingua paradóxica" da tradición zen.

Orixe do budismo zen

[editar | editar a fonte]
Mestre chinés Yunmen Wenyan

O budismo mahayana orixinario da India chegou á China durante o século I. Ao principio, foi unha transposición do budismo hindú, de forma que as principais prácticas consistían na tradución e o estudo de textos. Progresivamente, empeza un proceso de significación do budismo no cal xurdiron varias escolas, e a escola chán foi unha destas.

O desenvolvemento do zen parte, pois, dunha noción doutrinal nos sutras budistas do mahayana, en que se afirma a preeminencia do cultivo de dhyana como a vía preferente para conseguir o nirvana.[10] No budismo primixenio, observábase unha progresión en diferentes estados da meditación ou jhanas[11] que suceden nun cultivo gradual do practicante. Neste contexto, o zen afirmará a existencia dun acceso directo e espontáneo ao último e superior de todos estes -aquel que precede inmediatamente a experiencia do nirvana- sen necesidade de experimentar os anteriores, mediante vías de acceso espontáneas e que son alleas á intelectualización ou unha noción de crecemento gradual no perfeccionamento espiritual. O zen é, por antonomasia, a tradición budista da intuición e a espontaneidade.

Características

[editar | editar a fonte]

O zen enfatiza o papel da meditación (zazen) na procura da iluminación. Ademais disto, o zen tense chamado "un xeito de vida, traballo e arte". A súa práctica básica é a meditación. Así o zen non é un concepto, senón unha experiencia persoal. Dada a influencia do Taoísmo, o zen non fai fincapé no academicismo ou en cousas similares, e en vez diso concéntrase na meditación, o coñecemento non-racional do mundo e a maneira en que a mente reacciona a aquilo.

O zen sostén que a meditación zazen é a mellor forma de práctica espiritual. Unha tradución aproximada de zazen é "meditación sentada". No zazen os practicantes toman a postura do loto, medio loto, birmana ou seiza. Os practicantes da escola Rinzai sentan mirando o centro do cuarto, mentres a práctica da escola Sôtô é sentar mirando un muro. Búscase ter conciencia completa da postura asumida e ás veces na respiración. Desta maneira, os practicantes buscan superar o pensar e tamén ser conscientes do universo.

Escolas zen

[editar | editar a fonte]

Escolas de orixe posterior, en especial a escola Rinzai, desenvolveron os famosos koans, "adiviñas" ou "crebacabezas" paradoxais creadas para sacar a mente do seu pequeno terreo de racionalidade e levala a unha conciencia sen prexuízos. As escolas xaponesas da tradición zen son o Sôtô zen, o Rinzai zen e o Obaku zen. Orixinalmente formulado polo mestre Chinés Linji (Rinzai en Xaponés), a escola Rinzai foi introducida no Xapón no 1191 por Eisai. Dogen, quen estudara en Eisai, levou o Caodong, ou escola "zen Soto" ao Xapón desde China. Obaku foi introducido no século XVII por Ingen, un monxe chinés.

Zen e budismo

[editar | editar a fonte]
Bodhidharma e Huike.

O zen é considerado por algúns como non necesariamente unha relixión Budista, de feito algúns cristiáns teñen sido recoñecidos formalmente como mestre zen. O zen a miúdo descríbese como “un xeito de vida”, sen depender dunha cultura en concreto.

Ao mesmo tempo, as institucións que apoian a práctica zen recoñécense como budistas e como seguidores dos ensinos de Gautama Buddha. Por iso, na práctica, o zen é unha clase de budismo.

O zen non é unha filosofía intelectual ou unha procura solitaria: o zen enfatiza na práctica meticulosa, incluíndo retiros periódicos para meditación. A práctica colectiva é valorada como un xeito de escapar das trampas do “ego”.

Zafu.

O zazen é a práctica por excelencia da meditación budista desenvolvida pola escola soto xaponesa. Esta técnica de meditación é, sen dúbida, a práctica do budismo zen máis estendida e coñecida hoxe. É a clásica postura de Buda sentado en meditación. A miúdo, vese esta posición en estatuas de Buda a través de todo Oriente: un home tranquilo cos ollos medio pechados, as costas dereitas, as pernas cruzadas en posición de "lotus". No zazen, isto adóitase facer sobre unha pequena almofada redonda chamada zafu en xaponés, que axuda a bascular a columna.

Hai diferentes aproximacións ao zazen. Algunhas postulan o fluxo natural da respiración e unha posición cómoda, mentres que outras máis novas teñen especial interese en asegurar fisicamente unha actitude correcta. As primeiras son, sen dúbida, as máis tradicionais e que máis aparecen nos textos históricos. Entre aquelas que salientan o compoñente físico, atopamos a recente do monxe xaponés Taisen Deshimaru, que a partir de 1970 estenderá unha rede de centros en toda Europa e que aínda hoxe é a forma maioritaria de coñecer o zen en Europa. A regulación da respiración e a posición da columna vertebral, pernas e mans son esenciais. Nos Estados Unidos, en troques, mediante o contacto desenvolto a partir da segunda guerra mundial, atopamos unha variedade bastante máis ampla.

Aínda así, aínda que no tema físico haxa diferentes enfoques, na aproximación doutrinal no zazen as diferenzas case non existen. Requírese unha atención constante pero tranquila por parte do practicante. O pensamento libérase; nin pensa nin deixa de pensar. Déixase pasar. Non colle nin rexeita, coma se os refachos mentais fosen nubes que atravesan o ceo sen deixar rastro. Esta contemplación tranquila e atenta levará o seguidor a descubrir a súa natureza búdica: "se deixamos de remover a auga dun estanque, poderemos ao fin ver claramente o fondo".

En xaponés, a esta acción de sentar chámase shikantaza, que xunto ao mushotoku ou ausencia de intención, confórmase así nunha disposición na práctica budista, en que está presente a existencia da "iluminación". É un ensino en que o simple feito de sentar é xa un acto de harmonía chea, de converterse en Buda. Polo tanto, práctica e aprendizaxe van xuntas. Tamén se fala da práctica da non-práctica. O principal expoñente deste ensino é, sen dúbida, o monxe Dogen, a obra principal do cal, Shobogenzo, vén ser a guía fundamental de práctica e ensino da escola Soto.

No budismo zen xaponés, a outra escola principal chamada Rinzai está especializada nos chamados koan. Os koan son unha derivación dos gōngān chineses, que literalmente quere dicir 'caso público'. En orixe, facían referencia a diálogos e acontecementos entre mestre e discípulo que eran rexistrados de maneira escrita. Xa no Xapón, a escola Rinzai recolleraos e ampliaraos, e usaraos como técnica de meditación indo máis aló da simple reflexión.

Un koan pode ser unha pregunta sen aparente sentido. Unha cuestión das máis coñecidas é: "Cal é o son ao facer as palmas cunha soa man?". Outra é: "Cal era a túa cara orixinal antes do nacemento?". O practicante investigará este tipo de pregunta cunha concentración total ata que o seu razoamento conceptual quede erradicado, e así poida xurdir prajna, a sabedoría intuitiva. Isto ocasionará un espertar (satori, kensho) á súa natureza búdica.

Interpretación do zen

[editar | editar a fonte]

O zen non é unha relixión senón unha orixe indefiníbel, emprazado alén das palabras e ideas, e cuxo entendemento só se logra a través da experiencia individual. Todas as relixións teñen unha orixe máis concreta e por isto o zen non ten vínculos con ningunha relixión, nin sequera co budismo. Entón, o zen é a perfección fundamental de todo o que existe e coñecérono todos os santos e sabios en todas as épocas. Así é como o zazen, máis que un método para lle axudar á xente a se liberar, é a maneira en que se expresa a perfección e entendemento da perfección presente en cada individuo.

Bodhidharma

[editar | editar a fonte]
Bodhidharma.

De acordo cos relatos tradicionais, o zen chegou á China por un monxe hindú ao redor do século VI, denominado Bodhidharma (Daruma en xaponés). Era o 28º sucesor nunha liña de transmisión de ensino que a tradición remonta até Kasyapa, discípulo de Buda.

Como queda recollido no "Rexistro Jingde de transmisión da luz", embarcouse ao redor do ano 520 aC nunha viaxe que o levou até o Reino de Liang, territorio do sur da China. Alá, Bodhidharma tivo unha famosa conversación co emperador Wu, e declarou que as boas accións feitas con intencións egoístas eran inútiles, sen xenes de mérito, e non servían para conseguir a iluminación.

Posteriormente, dirixiuse a un mosteiro preto de Luòyáng, ao leste da China e, segundo a lenda, estivo a meditar ante a parede dun cantil antes de aceptar ningún discípulo. Finalmente, morreu no templo Shaolin da montaña Sōng (嵩山少林寺), no condado Dengfeng, provincia de Henan. A montaña Sōng é o cume máis alto das Cinco Montañas Sacras, situadas na provincia de Honan.

Como heroe cultural lendario, a Bodhidharma tamén se o vincula co templo Shaolin e a consecuente difusión das artes marciais de Asia oriental, especialmente na tradición oral de escolas de kung fu e taijiquan, así como nos populares traballos de ficción do xénero wuxia. Con todo, hoxe sábese con certeza que as artes marciais non estiveron presentes no budismo chinés nin no templo shaolin até bastantes séculos despois. Do mesmo xeito, tamén hoxe sábese que Bodhidharma non estivo literalmente "ante un muro", senón que falaba dun muro como un estado da mente. Os modernos descubrimentos e traducións continúan dando hoxe máis luz sobre as orixes desta tradición budista, sen dúbida unha das máis practicadas no mundo.

Bodhidharma é, xa que logo, o 28º patriarca da liñaxe do budismo zen, ao cal seguirán 6 patriarcas máis, o último dos cales será Huìnéng. Con Huìnéng, acábase a liña do patriarcado zen, pero non a liña sucesoria do zen. Desde Huìnéng, esténdese unha completa xenealoxía que liga mestres, ensinos e mosteiros até chegar aos tempos actuais. Aos mosteiros chineses ou xaponeses, estas complicadas árbores xenealóxicas adoitan ser aínda unha cousa común.

Expansión do zen

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, o zen procede do Budismo indio, onde era coñecido como "dhyāna" (ध्यान), termo sánscrito para meditación. Posteriormente, monxes xaponeses que estudaban na China aprenderon o zen e levárono ao Xapón, onde xurdiron distintas escolas de pensamento. Este nome foi transliterado en chinés como Chan|Chán (禪 / simplificado no Xapón a 禅); "Chán" pasou ao coreano como Seon, ao vietnamita como Thiền e ao xaponés como "zen."

De acordo á tradición, o zen foi fundado na China por Bodhidharma (Daruma en xaponés), un monxe Budista indio, no templo Shaolin, durante o século V a.C.

Na China, o chan foi influenciado polo taoísmo; da China pasou a Corea e, a través de monxes coreanos, arredor do século VII, chegou ao Xapón. É importante salientar que Chan, Seon e zen continuaron a se desenvolver separadamente nos seus países de orixe, e seguen a manter identidades separadas hoxe en día.

Chán: a tradición da China

[editar | editar a fonte]

Durante os primeiros tempos do budismo chán existía o daoísmo. E á súa vez, o daoísmo foi influído pola nova relixión budista. Esta fusión foi posible herdando aspectos principais doutras escolas, como a importante escola Tintái do mestre Zhìyì. Co mestre Zhìyì, atopamos xa unha perspectiva inmediata da liberación. Os seus tratados sobre "A gran calma e contemplación" influirán durante séculos o resto de escolas e as súas ideas serán centrais á hora de entender o proceso de significación do budismo na China que posibilitará o nacemento do chán.

Outra escola influente na xénese do chán foi a Escola huáyán, hoxe desaparecida, e que foi recoñecida polos historiadores como a escola mahyna máis sofisticada, cunha complexa visión cósmica. A súa concepción da natureza búdica influíu de diferentes maneiras noutras escolas. A principal actividade desta escola é, sen dúbida, o Sutra do Avatamsaka, un enorme e complexo texto sacro definido por Daisetz T. Suzuki como a culminación literaria do budismo mahyna.

A Escola da Terra Pura, de feito, a escola chinesa máis antiga do mahyna, influirá enormemente no zen, aínda que de maneira algo máis tardía. Co transcurso dos séculos, o "chán" e a "Terra Pura" converteranse nas dúas escolas budistas que se repartirán o groso do budismo chinés. E mesmo aparecerán fusións, na práctica, dos dous tipo de budismo.

A base do budismo presente na formación do chán frutifica de maneira espectacular durante a dinastía Tang, denominada a miúdo a idade de ouro do budismo chinés. Até entón, podemos falar da existencia de ensinanzas chán pero non propiamente dunha escola chán. Pero, dentro da dinastía Tang, xa se desenvolven completamente os métodos peculiares e especiais do budismo zen. Entre estes métodos, incluíanse diálogos entre mestre e discípulo, a investigación de preguntas, ou a contemplación silenciosa. Un ambiente de protección imperial, especialmente baixo a emperatriz , estará mesturado cunha certa bohemia das clases acomodadas e con altibaixos na estabilidade social. Todo isto xerará un ambiente de gran creatividade no cal o budismo terá un papel fundamental.

Ao final da dinastía Tang, acontece unha certa decadencia da práctica, e así xa coa dinastía Song aparece unha reacción contemplativa que aposta case unicamente polo silencio e, en particular, pola "contemplación silenciosa" (en chinés, mo chao). Con esta, o seguidor medita sentado para descubrir a súa propia natureza. Máis tarde, no Xapón, esta contemplación silenciosa chinesa será denominada zazen, que é hoxe un dos estereotipos da práctica zen máis coñecidos en Occidente.

Mestre chinés Wuzhun (escola línji).

No século XI, o budismo chán xa estaba completamente asentado na China, onde existía unha ampla rede de templos e mosteiros e converteuse, xunto á escola da Terra Pura, nunha das principais escolas. No fluxo histórico de intercambios culturais entre a China, o Xapón e outros países do redor, fóronse creando outras escolas por derivación das chinesas. A pesar de que en cada país o zen desenvolvía as súas peculiaridades, a comunicación entre as escolas zen nos diferentes países foi frecuente e continuada, baixo o forte vínculo dunha historia común.

Zen: a tradición no Xapón

[editar | editar a fonte]

No budismo xaponés, historicamente, os monxes viaxaban con frecuencia á China para recibir a transmisión de novas ensinanzas de mestres chineses. De volta na súa terra e con esta herdanza de autoridade, estendían as prolongacións das escolas e ensinanzas que coñeceran no continente. Co tempo, adquirían a súa propia personalidade xaponesa. Isto, en realidade, é boa parte do patrón cultural do Xapón, en que a influencia Chinesa é un tema central para entender a súa cultura e relixión. Así, as dúas escolas principais do budismo chán chinés denominadas línji e cozòng verán o seu paralelo xaponés nas súas respectivas dúas escolas principais do budismo zen xaponés: Rinzai e Sōtō.

Estas dúas escolas xaponesas acapararán co tempo boa parte dun novo rexurdir do budismo no Xapón. Por unha banda, a escola Rinzai seria do agrado das clases feudais. Por outro, a escola soto vería como a súa práctica sería integrada até certo punto dentro da maneira de vida dos samurais. A escola xa por entón preponderante no Xapón chamada Tendai non se oporía.

Xardín zen

[editar | editar a fonte]

O xardín zen, en xaponés karesansui é un estilo de xardín xaponés seco, que consiste nun campo de area pouco profunda e que contén area, grava, rochas e ocasionalmente herba, bambús, brións e outros elementos naturais, utilizados como forma de meditación polos monxes zen xaponeses. Son xardíns escena, e polo tanto de dimensións limitadas (como máximo 10 x 30 metros). A area rastrillada representa o mar, ao redor das rochas rastríllase en aneis, coma se estas formasen ondas na auga. O resto do xardín rastríllase en paralelo á plataforma.

Os xardíns zen desenvólvense principalmente durante o período Muromachi (1336-1573), en que aparecen os dous ideais estéticos básicos deste xardín:

  • Yugen: a simplicidade estética.
  • Yohaku no bi: a beleza do baleiro (así como en música valóranse os silencios). Ten relación co taoísmo, segundo o cal, o baleiro é a parte útil das cousas (un vaso non é o vidro, senón o baleiro do seu interior).

No período Azuchi-Momoyama (1574-1599) introdúcense algunhas variacións:

  • Talla de rochas: agora permítese introducir pedras cortadas nos xardíns secos (antes só se permitían pedras naturais).
  • O-karikomi: práctica que consiste a recortar árbores e plantas dándolles formas. Recórtanse en valos temas como O barco do tesouro ou A illa Horai.

No século XX, arquitectos como Shigemori Mirei continúan facendo xardíns Karesansui en templos zen:

O xardín zen máis famoso atópase no templo de Ryōan-ji, que está situado ao noroeste de Kyoto. O xardín de rocha engadiuse ao templo a finais do século XV, para prover dun lugar aos monxes para a súa meditación. Dise que este xardín ten un efecto tranquilizador.

Interpretacións

[editar | editar a fonte]

Houbo moitas interpretacións para explicar a distribución dun xardín zen. Algunhas destas interpretacións son:

Unha explicación recente dos investigadores Gert van Tonder da Universidade de Kyoto e Michael J. Lyons[12] do Laboratorio de Intelixencia Robótica e Comunicacións ATR di que as rochas de Ryōan-ji forman un mensaxe subliminar dunha árbore. Esta imaxe non pode ser percibida conscientemente cando se mira, pero os investigadores opinan que o subconsciente é capaz de percibir a sutil asociación nas pedras e cren que é o responsable do efecto tranquilizador deste tipo de xardíns.

O concepto do deseño do xardín zen vaise ir adaptando á creación dunha contorna máis natural.

A orientación do xardín para o relax ten que encarar o leste; a area que representa a paz do mar é a que ten que estar a mirar cara á saída do sol.

Asociación dunha cruz ao xardín Zuiho-in do templo Daitoku-ji en Kyoto, obra de 1938 do arquitecto Sighemori Mirei.

Críticas

[editar | editar a fonte]

Os comentarios críticos asumen unha interpretación moi literal do xardín zen. O termo reflicte o feito de que este estilo de xardín desenvolveuse nos templos do Rinzai zen, algúns dos deseñadores historicamente máis relevantes, como Muso Soseki e Soami, monxes ou practicantes do zen pero o estilo dos xardíns zen tradicionais desenvolveuse durante un período da historia xaponesa en que as prácticas culturais asociadas co budismo zen (como a caligrafía e a pintura de paisaxes) tiñan unha influencia crecente sobre a arte xaponesa no seu conxunto. Esta ampla influencia sobre a cultura xaponesa é a razón de que este estilo de xardinaría, que tivo efectivamente a súa orixe en templos zen, chegase a atoparse en casas, negocios e restaurantes.

Aínda que hai unha gran variedade de opinións sobre o valor destes xardíns para a práctica budista, é incorrecto negar que o seu desenvolvemento está estreitamente asociado aos templos do Rinzai zen, particularmente os grandes complexos relixiosos de Kyoto.

O concepto de "xardín zen" é considerado un mito por moitos críticos, e entre eles por expertos en xardinaría e budismo xaponeses. Opinan que é unha creación occidental de finais do século XX que non ten fundamento na xardinaría xaponesa. O que si existe, por suposto, a estética do "xardín zen" ou "xardín seco", que non é de ningún xeito exclusiva dos xardíns adxacentes aos templos zen. Os xardíns secos poden atoparse xunto a casas, restaurantes e pousadas. De igual maneira, ao redor dos templos zen atópanse xardíns de diferentes estilos, sen que os xardíns secos sexan máis que un destes estilos.

O termo xardín zen aparece nun libro chamado One Hundred Kyoto Gardens, publicado en 1935, escrito por Loraine Kuck en inglés. O primeiro uso no idioma xaponés deste termo non se rexistra até 1958. Disto, pódese deducir que algúns estudosos xaponeses da posguerra limitáronse a adoptar unha innovación occidental, aceptando o concepto de "xardín zen" porque xa se difundiu entre os estranxeiros.

O libro de Wybe Kuiterts, Themes, Scenes & Taste in the History of Japanese Garden Art, publicado en 1988, propón un importante argumento en contra da correlación entre o zen e o xardín zen:

Kuck mestura a súa interpretación historicamente determinada (século XX) do xardín zen coa dun xardín antigo proveniente dun contexto cultural completamente diferente. A súa interpretación resulta así invalidada ... (o xardín medieval) atopou o seu lugar en templos zen e en fogares de guerreiros porque melloraba a súa contorna cultural. É cuestionable que a súa apreciación responda a unha emoción relixiosa, antes de a unha apreciación pola forma.

Kuiterts enmarca o xardín zen dun xeito máis adecuado na perspectiva budista: "(de acordo con Dogen) o mellor xardín para representar á doutrina de Buda seria nada. Como mínimo, non sería un xardín que cun atractivo estético distraese da busca verdadeira da iluminación". Kuitert expón máis críticas ao traducir os comentarios dun monxe, na era Muromachi, en Tō-ji: "A xente que practica zen non tería que construír xardíns. O sutra di que Bodhisattva Makatsu, que desexaba meditar, primeiro abandonou a vida mundana de facer negocios e xerar riquezas, así como abandonou a tarefa de cultivar vexetais...".

A crenza de que os monxes zen utilizan os xardíns para meditar vese desmentida polo feito que no Xapón os monxes zen case sempre meditan en interiores, de face a unha parede (soto zen) ou no centro da habitación (rinzai), nunca mirando a exteriores. As fotos de monxes xaponeses meditando en xardíns secos son acontecementos preparados.

  1. Harvey 1995, p. 159–169.
  2. Yoshizawa 2009, p. 41.
  3. Sekida 1989.
  4. Poceski n.d.
  5. Borup 2008, p. 8.
  6. Yampolski 2003a, p. 3.
  7. Dumoulin 2005a, p. 48.
  8. Lievens 1981, p. 52–53.
  9. Dumoulin 2005a, p. 41–45.
  10. The Formation of Ch'an Ideology in China and Korea: The Vajrasamadhi-Sutra, a Buddhist Apocryphon.Buswell, R. Princeton 1989.
  11. Nome en linguaxe pali de dhyana
  12. Michael J. Lyons

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Harvey, Peter (1995). An introduction to Buddhism. Teachings, history and practices. Cambridge University Press. 
  • Yoshizawa, Katsuhiro (2009). The Religious Art of Zen Master Hakuin. Counterpoint Press. 
  • Sekida, Katsuki (1989). Zen Training: Methods and Philosophy. Shambhala. 
  • Poceski, Mario (n.d.). Attitudes Towards Canonicity and Religious Authority in Tang Chan. 
  • Borup, Jørn (2008). Japanese Rinzai Zen Buddhism: Myōshinji, a Living Religion. Brill Publishers. 
  • Yampolski, Philip (2003a). "Chan. A Historical Sketch.". En Takeuchi Yoshinori. Buddhist Spirituality. Indian, Southeast Asian, Tibetan, Early Chinese. Delhi: Motilal Banarsidass. 
  • Dumoulin, Heinrich (2005a). Zen Buddhism: A History. Volume 1: India and China. World Wisdom Books. ISBN 978-0-941532-89-1. 
  • Lievens, Bavo (1981). Ma-tsu. De gesprekken. Bussum: Het Wereldvenster. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

En inglés:

En galego: