Saltar ao contido

Reino de Xerusalén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Xerusalén
Regnum Hierosolymitanum (la)
Roiaume de Jherusalem (fro)
Regno di Gerusalemme (it)
مملكة القدس (ar)
Βασίλειο της Ιερουσαλήμ (el) Editar o valor en Wikidata

EpónimoXerusalén Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata
CapitalXerusalén
Tiro
Acre Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación565.000 (1180) Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua latina Editar o valor en Wikidata
Relixióncatolicismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación15 de xullo de 1099 Editar o valor en Wikidata
Disolución18 de maio de 1291 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porSultanato Mameluco do Cairo (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Evento clave
20 de setembro de 1187Cerco de Jerusalém (1187) (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoAzaba monarchy (en) Traducir
Patrimonialismo (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoHaute Cour of Jerusalem (en) Traducir , Editar o valor en Wikidata

O Reino de Xerusalén foi un reino cristián que se estableceu no Oriente Medio en 1099 logo da conquista de Xerusalén na Primeira Cruzada. Foi destruído en 1291 coa conquista de Acre. A súa capital era Xerusalén e o seu territorio atópase actualmente incluído no estado de Israel.

Fundación e historia inicial

[editar | editar a fonte]
O Reino de Xerusalén e os outros estados cruzados.

A Primeira Cruzada iniciouse como consecuencia do Concilio de Clermont, convocado polo Papa Urbano II no ano 1095. O seu principal obxectivo era a conquista dos Santos Lugares. O Reino como tal naceu coa toma de Xerusalén en 1099, o punto álxido da Cruzada. Godofredo de Bouillon, duque de Lorena e un dos principais xefes da Cruzada, foi elixido como primeiro rei. Con todo, non aceptou tomar dito título, alegando que un home non debería levar unha coroa onde Cristo levara a coroa de espiños; no seu lugar, elixiu o título de Advocatus Sancti Sepulchri (Defensor do Santo Sepulcro). A fundación do Reino de Xerusalén quedou finalmente asegurada coa derrota do Exipto fatimí na batalla de Ascalón.

Primeiramente houbo certas dúbidas sobre como debería organizarse politicamente o territorio. Algúns cruzados pensaban que debería ser gobernado como unha teocracia polo Papa, unha idea que o legado papal, Daimberto de Pisa tratou de impor en 1100. Godofredo posiblemente houbera estado de acordo, pero durante o seu curto reinado sentáronse en Xerusalén as bases dun reino secular, pese aos esforzos de Daimberto. Rapidamente estableceuse unha xerarquía católica que substituíu as autoridades cristiás ortodoxas gregas e siríacas: un patriarca latino instalouse en Xerusalén, e con el un gran número de bispos e arcebispos que dependían del. Godofredo morreu en 1100. O seu irmán e sucesor, Balduíno I, decantouse claramente por unha monarquía secular ao xeito das de Europa occidental.

Balduíno estendeu con grande éxito as fronteiras do reino, conquistando os portos de Acre (1104), Beirut (1110) e Sidón (1111), ó mesmo tempo que exercía a súa soberanía sobre outros estados cruzados: o condado de Edesa (que el fundara), o principado de Antioquía, e máis tarde, cando se conquistou Trípoli, o condado de Trípoli. Igualmente tivo éxito na defensa do reino fronte ás sucesivas invasións musulmás que tivo que afrontar: a dos fatimís de Exipto, aos que venceu en Ramla e en diferentes lugares ó suroeste do reino; e a dos musulmáns de Damasco e Mosul, no nordeste, en 1113. Así mesmo, foi testemuña dun aumento no número de habitantes cristiáns, debido a que a pequena Cruzada de 1101 trouxo consigo reforzos para o reino. As cidades-estado italianas de Venecia, Pisa e Xénova comezaron a xogar un papel moi importante no reino. As súas frotas axudaban á toma dos portos, onde posteriormente se lles concedían barrios nos que tiñan unha grande autonomía económica. Balduíno tamén repoboou Xerusalén con cristiáns nativos, despois da súa expedición máis aló do río Xordán en 1115. De todos xeitos o reino nunca superou o seu illamento xeográfico de Europa, nin foi quen de aumentar as súas fronteiras cara ao leste co fin de crear unha fronte con máis posibilidades de defensa. Durante a maior parte da súa historia, o reino estivo confinado a unha estreita franxa de terra entre o Mediterráneo e o río Xordán; os territorios alén o Xordán estaban suxeitos a guerras e constantes razzias, que finalmente provocaron a súa caída.

Balduíno I morreu sen herdeiros en 1118, e sucedeuno o seu curmán, Balduíno de Le Bourg, conde de Edesa; Balduíno II foi igualmente un rei capaz e soubo defenderse fronte aos ataques de fatimís e selxúcidas. No seu reinado estableceuse a primeira das órdes militares e as fronteiras do reino seguiron ensanchándose coa captura da cidade de Tiro en 1124. A influencia do reino de Xerusalén estendeuse igualmente sobre Edesa e Antioquía, nas que Balduíno II actuou como rexente ó morrer os seus gobernantes no campo de batalla, aínda que Balduíno mesmo foi derrotado e posto en prisión polos turcos selxúcidas varias veces ao longo do seu reinado, e o propio reino de Xerusalén debeu ser gobernado por un rexente. As fillas de Balduíno casaron con familiares do conde de Edesa e do príncipe de Antioquía. A súa filla Melisenda foi declarada herdeira e sudeceuno á súa morte en 1131.

Vida no reino

[editar | editar a fonte]

A poboación do reino foi sempre escasa: aínda que constantemente chegaba un pequeno fluxo de colonos e novos cruzados, a maior parte dos que loitaran na Primeira Cruzada volveron ás súas casas sen máis. Os latinos non foron máis que o estrato superior situado sobre os musulmáns nativos e a poboación siria. Porén, Xerusalén pasou a ser coñecida como Outremer, palabra francesa que significa Ultramar, e, conforme as novas xeracións medraban no reino, comezaron a considerarse orientais no canto de inmigrantes. Así, en moitos sentidos, comportábanse máis como os orientais (sirios) que como os europeos occidentais daqueles días. A miúdo aprendían grego, árabe e outros idiomas orientais. Asemade estabelecían enlaces matrimoniais con gregos e armenios. Tal e como o cronista Fulquerio de Chartres escribiu: nós que eramos occidentais agora nos convertimos en orientais.

Fulquerio, un participante na Primeira Cruzada, continuou a súa crónica até 1127. Despois non hai ningunha testemuña do ocorrido en Xerusalén até a chegada de Guillerme de Tiro, arcebispo de Tiro e chanceler de Xerusalén, quen comezou a escribir arredor de 1167 e finou cara a 1184. Porén, os seus escritos inclúen moita información sobre a Primeira Cruzada e os anos transcorridos entre o pasamento de Fulquerio e o seu tempo. Dende o punto de vista musulmán, están as memorias de Usama Ibn Munqid, un soldado e embaixador de Damasco en Xerusalén e Exipto. Estas memorias, Kitab al i'tbiar, inclúen un relato moi vivo da sociedade cruzada no leste. O resto da información pódese obter de viaxeiros tales como Benxamín de Tudela e Ibn Yubayr.

Economía

[editar | editar a fonte]

A composición basicamente urbana da zona, xunto coa presenza dos mercadores italianos, levou ao desenvolvemento dunha economía que tiña moito máis de comercial que de agraria. Palestina dende sempre fora un cruzamento de camiños no que se atopaban diferentes rutas comerciais; agora este comercio estendeuse até Europa. Os produtos europeos, como as lás do Norte de Europa, chegaron até Oriente Medio e Asia, mentres que os produtos asiáticos chegaban a Europa. Xerusalén dedicouse especialmente ao comercio da seda, algodón e especias; outros produtos que se deron a coñecer en Europa por vez primeira, por mor do comercio iniciado por este reino, foron as laranxas e o azucre. Deste último produto diría Guillerme de Tiro: é moi necesario para a saúde e a humanidade. As cidades-estado italianas extraeron deste comercio beneficios enormes, que logo se reflectirían na opulencia do Renacemento, varios séculos máis tarde.

Xerusalén, á súa vez, obtiña beneficios a través dos tributos, en primeiro lugar das cidades costeiras que aínda non conquistara, e despois dos Estados veciños como Damasco e Exipto, aos que no puido conquistar directamente. Unha vez Balduíno I estendeu os seus dominios alén do Xordán, Xerusalén tamén obtivo beneficios das taxas que cobraba ás caravanas que cruzaban de Siria a Exipto ou Arabia. Esta economía monetaria permitiu que o problema da escaseza de efectivos militares se solucionase recorrendo a contratar mercenarios, algo pouco habitual na Europa medieval. Os mercenarios podían ser cruzados europeos, ou ben, con máis frecuencia, soldados musulmáns, como os famosos turcoples.

O Reino de Acre

[editar | editar a fonte]

Durante os cen anos seguintes, o Reino de Xerusalén mantívose en vida como un reino diminuto abrazado na costa siria. A súa capital foi Acre, e apenas incluía un par de cidades destacadas (Beirut e Tiro), así como soberanía sobre Trípoli e Antioquía. Saladino morreu en 1193, e os seus fillos loitaron entre eles tanto como el loitara co reino cruzado. Henrique de Champaña morreu nun accidente en 1197 e Sabela casou por cuarta vez con Amalarico de Lusignan, o irmán de Guido. Fraguouse unha nova Cruzada, que sería a Cuarta, pero foi un fracaso absoluto, xa que non se fixo contra os infieis senón contra os propios cristiáns, e finalizou coa toma e saqueo de Constantinopla en 1204, nin un só dos seus cruzados chegou ao Reino de Xerusalén.

Lista de reis de Xerusalén

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Fontes primarias
Fontes secundarias
  • Bernard Hamilton, The Leper King & His Heirs. Cambridge, 2000.
  • Carole Hillenbrand, The Crusades: Islamic Perspectives. Routledge, 2000.
  • P.M. Holt, The Age of the Crusades: The Near East from the Eleventh Century to 1517. Longman, 1989.
  • Benjamin Z. Kedar, Hans Eberhard Mayer & R. C. Smail, ed., Outremer: Studies in the history of the Crusading Kingdom of Jerusalem presented to Joshua Prawer. Yad Izhak Ben-Zvi Institute, 1982.
  • John L. La Monte, Feudal Monarchy in the Latin Kingdom of Jerusalem, 1100-1291. Cambridge, Massachusetts, 1932.
  • Hans E. Mayer, The Crusades. Oxford University Press, 1965 (trans. John Gillingham, 1972).
  • Joshua Prawer, The Latin Kingdom of Jerusalem: European Colonialism in the Middle Ages. Londres, 1972.
  • Joshua Prawer, Crusader Institutions. Oxford University Press, 1980.
  • Jonathan Riley-Smith, The Feudal Nobility and the Kingdom of Jerusalem, 1174-1277. The Macmillan Press, 1973.
  • Jonathan Riley-Smith, The First Crusade and the Idea of Crusading. University of Pennsylvania, 1991.
  • Jonathan Riley-Smith, ed., The Oxford History of the Crusades. Oxford, 2002.
  • Steven Runciman, A History of the Crusades. Cambridge University Press, 1951-54.
  • Kenneth Setton, ed., A History of the Crusades. Madison, 1969-1989 (available online Arquivado 01 de abril de 2003 en Wayback Machine.).
  • Steven Tibble, Monarchy and Lordships in the Latin Kingdom of Jerusalem, 1099-1291. Clarendon Press, 1989.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]