Saltar ao contido

Raposo orelludo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raposo orelludo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Canidae
Xénero: Otocyon
Müller, 1835
Especie: O. megalotis
Nome binomial
'Otocyon megalotis'
(Desmarest, 1822)

O raposo orelludo[2] (Otocyon megalotis) é unha especie de mamífero carnívoro da familia Canidae. É un cánido de pequeno tamaño (47-66 cm de lonxitude, 23–34 cm de alto e 3-5,3 kg de peso) caracterizado polas súas longas patas e sobre todo as súas enormes orellas, case do mesmo tamaño que o resto da cabeza. Existen dous núcleos de poboación diferentes, un no leste de África, desde Somalia até o Gran Val do Rift e Tanzania; e outro no sur do continente, desde o Cabo de Boa Esperanza até o sur de Angola. Ambas poboacións separáronse ao final da última glaciación, cando o clima dos actuais Mozambique e Zambia se volveu máis húmido. Así mesmo, atopáronse restos fósiles do Plistoceno que indican unha primitiva presenza en Exipto e o sur de Asia.

Debido ao ambiente seco e cálido onde vive (sabanas, estepas, semidesertos), a pelaxe é curta en todo o seu corpo agás a cola, onde se espesa. O extremo do rabo, ao igual que a parte inferior das patas, as orellas, o morro e a cara, é de cor negra. O resto do corpo é pardo-cinsento, tornándose amarelento ou esbrancuxado no ventre, no pescozo e na parte interna do rabo e as patas.

As súas grandes orellas permítenlle localizar so terra os pequenos invertebrados que conforman a maior parte da súa dieta. Unha vez encontrados estes, o animal escava rapidamente e comeza a comelos sen preocuparse de que o mordan ou o piquen, xa que a súa pelaxe é o suficientemente densa como para manter a raia incluso os voraces térmites africanos. Outras adaptacións á dieta insectívora son os seus afiados e numerosos dentes (de 46 a 50) e a peculiar estrutura muscular da mandíbula, que lle permite mastigar cinco veces por segundo, triturando calquera insecto que capture antes de que poida escapar.

Raposo orelludo no zoo de Krefeld, Alemaña.

A especie é monógama, sendo frecuente ver familias formadas por unha parella e a última camada de seis crías. Estas nacen tras dous meses de xestación nunha tobeira subterránea expresamente escavada polos pais, ou ben modificada a partir do refuxio abandonado doutro animal.

O otoción non se considera unha especie ameazada, aínda que pode estar ausente dalgunhas zonas onde se caza en gran número polo seu pelello (especialmente demandado nas principais cidades de Botswana).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • The Kingdom Field Guide to African Mammals. Jonathan Kingdon, Academic Press Limited, 1997.