Olaf Scholz
Olaf Scholz, nado o 14 de xuño de 1958 en Osnabrück, é un político alemán e membro do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). É o chanceler federal de Alemaña dende o 8 de decembro de 2021.
Nado na Baixa Saxonia e avogado formado en Hamburgo, foi vicepresidente federal das Xuventudes Socialdemócratas nos anos oitenta. Tamén, foi deputado no Bundestag por primeira vez logo das eleccións federais de 1998.
En 2001 converteuse en senador (ministro) do Interior de Hamburgo, pero volveu ás súas funcións parlamentarias nas eleccións de 2002. Tras elas, Gerhard Schröder converteuno no secretario xeral no SPD, cargo no que se mantivo ata 2004.
Logo das eleccións de 2005, exerceu como secretario xeral do grupo socialdemócrata no Bundestag, e como ministro federal de Traballo en 2007. Mais, cando en 2009 o SPD pasou á opoisición, foi elixido vicepresidente do grupo, primeiro, e logo do partido.
Líder socialdemócrata nas eleccións anticipadas de Hamburgo en 2011, gañou unha sólida maioría absoluta no Bürgerschaft (lexislativo de Hamburgo). Deste xeito, foi investido primeiro alcalde (xefe do executivo) poucas semanas despois. Mantivo o goberno en 2015 despois de formar unha coalición vermello-verde. Deixou de liderar o executivo de Hamburgo en 2018 para converterse en vicechanceler e ministro federal de finanzas da gran coalición de Angela Merkel.
Fracasou en 2019 no seu intento de ser elixido copresidente federal do SPD xunto con Klara Geywitz sendo superado na segunda rolda polo dúo composto por Norbert Walter-Borjans e Saskia Esken. Mais, en agosto de 2020, a dirección do partido designouno, por unanimidade, como candidato á chancelería na perspectiva das eleccións de 2021. Nelas logrou que o SPD fose o primeiro partido en votos e negociou unha coalición de goberno canda os Verdes e os liberais que lle permitiu acadar a Chancelaría.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Mocidade
[editar | editar a fonte]Naceu na Baixa Saxonia, pero a súa familia mudouse a Hamburgo durante a súa infancia. Procedente dunha familia liberal de esquerdas, que se instalou no distrito de Altona, ingresou no SPD en 1975.
Estudou no distrito de Rahlstedt, onde pasou o seu Abitur (acceso á universidade), o que lle permitiu matricularse en Dereito na Universidade de Hamburgo .
Xuventudes do SPD
[editar | editar a fonte]En 1982 foi nomeado vicepresidente federal das Xuventudes do SPD (Jusos). Tres anos despois comezou a exercer como avogado especializado en dereito laboral e fundou o bufete "Zimmermann, Scholz e asociados" en Hamburgo.
Chegou a ser vicepresidente da Unión Internacional de Xuventudes Socialistas (IUSY) en 1987, renunciando ao seu posto en Jusos o ano seguinte. Deixou a dirección da IUSY en 1989 para ocupar a xefatura da asociación central de cooperativas de consumidores (ZDK) en 1990.
Debido as súas responsabilidades orgánicas dentro do SPD foi espiado polos servizos secretos da República Democrática Alemá. Nos arquivos da Stasi consérvanse, polo menos, 19 informes sobre as actividades de Scholz e as súas posicións elaborados entre 1978 e 1987.[1]
Deputado federal e senador de Hamburgo
[editar | editar a fonte]Foi nomeado en 1994 presidente do SPD do distrito de Altona e vese proposto, catro anos despois, candidato por esa circunscrición para as eleccións do 27 de setembro de 1998. Gañou 64 928 votos, ou 48,1% dos votos emitidos e, polo tanto, resultou elixido membro federal do Bundestag aos 40 anos.[2]
En 2000 renunciou á presidencia da sección Altona e tomou o relevo de Jörg Kuhbier como presidente do SPD en Hamburgo. O 30 de maio de 2001, tras a dimisión de Hartmuth Wrocklage, foi nomeado senador (ministro) de interior de Hamburgo. Con todo, non concorreu nas eleccións da cidade dese ano, que remataron coa derrota do SPD. Si que se presentou ás eleccións federais de 22 de setembro de 2002, de novo por Altona. Obtivo un resultado de 67 167 votos, ou 49,4% dos emitidos, sendo reelixido para o Bundestag.[3]
Secretario xeral do SPD
[editar | editar a fonte]Con motivo do congreso federal extraordinario do SPD, convocado en Berlín o 20 de outubro de 2002, foi elixido secretario xeral do partido, a proposta do chanceler federal Gerhard Schröder, con 91,3% dos votos dos delegados.
Próximo á tendencia máis liberal do seu partido, defendeu a Axenda 2010, un conxunto de reformas adoptadas polo goberno de Schröder destinadas a liberalizar o mercado laboral e a política social. Non obstante, estas medidas foron moi controvertidas no SPD, provocando o descenso electoral deste e unha caída no número de membros.[4]
Foi reelecto no 31ª Congreso federal, reunido en Bochum en 2003, cunha puntuación moito máis baixa de 52,6%. Cando Schröder dimite o 21 de marzo de 2004 a favor de Franz Müntefering, Scholz séguelle e deixa o seu posto. Tamén cede a presidencia do SPD de Hamburgo.
Secretario do grupo parlamentario e ministro federal
[editar | editar a fonte]De novo candidato ás eleccións alemás de setembro de 2005, foi reelixido xa que sumou 61 936 votos, o 45,9% dos emitidos.[5] Á apertura da lexislatura, o 13 de outubro, convértese en secretario xeral do grupo SPD no Bundestag, que logo entra nun "gran coalición" canda os demócratas cristiáns de Angela Merkel, presididos por Peter Struck.
En 2007, tras a dimisión de Franz Müntefering por motivos persoais, Olaf Scholz foi nomeado ministro federal de Traballo e Asuntos Sociais . Non obstante, se ben o seu predecesor tiña o título de vicechanceler, este foi para o ministro de Asuntos Exteriores, o tamén socialdemócrata Frank-Walter Steinmeier .
Volta á oposición
[editar | editar a fonte]Nas eleccións do 27 de setembro de 2009, mantivo o seu escano por maioría de votos, pero con só 46 522 votos, é dicir, 36% de votos emitidos. Logo destas, Merkel formou un goberno xunto cos liberais, a chamada coalición negra-amarela. Inmediatamente ocupou o cargo de vicepresidente do grupo parlamentario, agora dirixido por Frank-Walter Steinmeier .
Pouco despois, no 34º Congreso federal do SPD, celebrado en Dresde en novembro, foi elixido vicepresidente do partido, sendo o presidente Sigmar Gabriel. Ademais, asume a presidencia do partido en Hamburgo.
Primeiro alcalde de Hamburgo
[editar | editar a fonte]O goberno hamburgués, composto por democristiáns e verdes, caeu en novembro de 2010 e foron convocadas eleccións para 2011. Olaf Scholz foi escollido entón cabeza de lista do SPD, grazas aos votos favorables de 335 delegados dos 343 que participaron na votación do congreso rexional.[6]
Nas eleccións, os socialdemócratas gañaron o 48,4% dos votos emitidos e 62 deputados de 121 no Bürgerschaft (cámara lexislativa da cidade estado). Estes números foron o mellor resultado para o partido dende 1982. Foi tamén a primeira vez dende 2006 que un partido hamburgués obtiña a maioría absoluta en escanos nas eleccións rexionais.
Grazas a eses resultados, Olaf Scholz foi investido primeiro alcalde de Hamburgo (xefe do goberno) por 62 votos sobre 118, poñendo fin a once anos de poder da Unión Democrática Cristiá de Alemaña (CDU). Logo formou o seu senado de dez membros, incluíndo cinco mulleres e dúas personalidades que non eran do partido. Catro días despois renunciou ao Bundestag.
O 11 de novembro de 2014, foi, de novo, escollido líder do SPD de Hamburgo para as eleccións de 2015. Isto foi posible pois logorou os votos favorables de 331 delegados de 340, é dicir, 97,4% dos votos emitidos no congreso rexional. Gañando as eleccións parlamentarias cunha maioría relativa de 58 deputados de 121, negociou unha coalición de goberno con Alianza 90 / Os Verdes. Grazas a isto foi investido para un segundo mandato e formou o seu segundo goberno, que incluía tres ecoloxistas. Ademais, tamén en 2015, foi plenipotenciario da República Federal de Alemaña encargado das relacións culturais franco-alemás, unha función establecida polo Tratado do Elisio de 1963.[7]
Ministro federal de Finanzas
[editar | editar a fonte]O 13 de febreiro de 2018 , tras a dimisión de Martin Schulz menos dun ano despois das eleccións federais, Olaf Scholz é nomeado presidente federal interino do Partido Socialdemócrata; terceiro presidente interino do SPD desde 1949 despois de Johannes Rau e Frank-Walter Steinmeier, dirixiría o partido ata o congreso extraordinario do 22 de abril.[8] Nese congreso, Andrea Nahles gañou a dirección do SPD co 66% dos votos.[9]
Logo de semanas de negociacións, a dirección socialdemócrata propúxoo para que se integrase como un dos seis ministros socialdemocráticas no novo executivo de Angela Merkel, á fronte dunha nova grande coalición. Así, Olaf Scholz asumiu o cargo de ministro federal de Finanzas e o título de vicechanceler. Os analistas viron nel un perfil moderado, favorable a proseguir co rigor orzamentario defendido polo seu predecesor, o demócrata cristián Wolfgang Schäuble.[10][11]
Candidato a chanceler
[editar | editar a fonte]Andrea Nahles dimite da Presidencia do Partido Socialdemócrata o 2 de xuño de 2019, despois da derrota rexistrada durante as eleccións europeas: Os Verdes fixéronse coa segunda posición e os socialdemócratas perderon máis do 10% do voto.[12] Olaf Scholz postúlase para a sucesión, nun proceso que prevé a celebración de 23 debates diante dos activistas que logo terán que decidir. Scholz presenta a súa candidatura á copresidencia con Klara Geywitz, antigo membro do parlamento de Brandeburgo.[13] Na primeira rolda, o 26 de outubro, adiantouse con 22% dos votos emitidos,[14] pero foi derrotado na segunda volta, o 30 de novembro, pola parella formada por Norbert Walter-Borjans e Saskia Esken, cun total do 53% de votos.[15]
Nove meses despois, o 10 de agosto de 2020 , Esken anuncia a través da rede social Twitter que a dirección do SPD nomeou a Olaf Scholz como candidato á chanceler (Kanzlerkandidat) para as eleccións federais de 2021. Nese momento, a situación do Partido Socialdemócrata era complexa: a súa intención de voto roldaba o 14%, ocupando o terceiro posto nas urnas por detrás de CDU / CSU e Alianza 90 / Os Verdes. Non obstante, beneficiouse dunha mellora da súa imaxe desde a pandemia da COVID-19 que fixo que defendese unha política expansiva que favorecese a recuperación económica, matizando a súa posición favorable a un orzamento equilibrado.[16]
No verán de 2021, logo das inundacións de Renania-Palatinado e Renania do Norte-Westfalia Olaf Scholz gañou popularidade mentres que a imaxe do candidato democristián, Armin Laschet, se resentía.[17][18] Deste xeito, dende o mes de agosto de 2021, o SPD rexistrou unha progresión nas súas intencións de voto que lle permiten pasar de novo por diante dos Verdes,[19] despois igualar e finalmente superar ao CDU / CSU nas urnas.[20][21] A un mes das elección, as enquisas indicaban que Olaf Scholz sería o chanceler favorito dos alemáns.[22] Destácase del a súa experiencia institucional e as semellanzas con Angela Merkel no seu xeito de presentarse ante á opinión pública.[23][24] Ademais, tamén se impuxo en dous dos debates electorais televisados.[25][26] Cara ao final da campaña declarou no Bundestag por un caso de evasión fiscal acontecido cando el estaba á fronte do Ministerio de Finanzas.[27]
Os resultados das eleccións de 26 de setembro de 2021 déronlle a primeira posición ao SPD conseguindo o 25,7%, aumentando un 5,2% con respecto as anteriores.[28] Scholz celebrou, o propio serán das eleccións, o triunfo dos socialdemócratas e propuxo unha negociación con Verdes e liberais para conformar o goberno federal.[29]
Chanceler de Alemaña
[editar | editar a fonte]O 7 de outubro, os socialdemócratas mantiveron a súa primeira reunión formal cos verdes e liberais para formar a chamada "coalición semáforo".[30] Logo de semanas de negociacións, o 24 de novembro foi anunciado o acordo de goberno entre o SPD, Os Verdes e FDP. O programa fai fincapé en cuestións ambientais como destinar o 2% do territorio alemán á produción de enerxía eólica, acadar a descarbonización en 2030, potenciar os automóbiles eléctricos, e tamén legalizar a venda de cánnabis.[31] O futuro executivo presidido por Scholz estará conformado por sete ministros socialdemócratas, cinco verdes e 4 liberais.[31] O 8 de decembro de 2021 tomou posesión como chanceler logo do voto favorable do Bundestag.[32]
Vida privada
[editar | editar a fonte]Reside no barrio de Altona, Hamburgo, casou en 1998 con Britta Ernst, ministra de Educación de Schleswig-Holstein entre 2014 e 2017, e de Brandeburgo desde entón.[33]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "DDR-Staatssicherheit sammelte jahrelang Daten über Scholz". www.zeit.de. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2022. Consultado o 2022-01-14.
- ↑ Statistisches Landesamt Hamburg (25-9-1998). "Analyse der Bundestagswahl 1998 in Hamburg". Band 7 der Reihe "Hamburger Statistische Porträts". ISSN 1433-7991.
- ↑ "2002 - Statistikamt Nord". www.statistik-nord.de. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Allemagne. L’espoir du SPD s’appelle Olaf Scholz". L'Humanité (en francés). 2020-08-13. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Vorläufiges Ergebnis der Bundestagswahl am 18. September 2005 in den Hamburger Stadtteilen - Zweitstimmen" (PDF).
- ↑ "Bürgerschaftswahl: Hamburger SPD nominiert Scholz". FAZ.NET (en alemán). ISSN 0174-4909. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Olaf Scholz, nouveau Plénipotentiaire de la République (...) - France-Allemagne.fr". www.france-allemagne.fr. Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2021. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Spitze der Sozialdekmokraten: Olaf Scholz soll die SPD kommissarisch führen". FAZ.NET (en alemán). ISSN 0174-4909. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Andrea Nahles ist neue Parteivorsitzende der SPD". Consultado o 14-9-2021.
- ↑ "Allemagne : le SPD a choisi ses ministres du nouveau gouvernement Merkel". Les Echos (en francés). 2018-03-09. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Portraits des quinze ministres du nouveau gouvernement d’Angela Merkel". Le Monde.fr (en francés). 2018-03-13. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Allemagne. Un trio à la tête du SPD pour remplacer Andrea Nahles après la défaite des européennes". Consultado o 14-09-2021.
- ↑ "Allemagne : en plein doute, le SPD se cherche une direction". Le Monde.fr (en francés). 2019-09-13. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Allemagne: un second tour nécessaire pour désigner la nouvelle direction du SPD". RFI (en francés). 2019-10-26. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Le ministre des Finances de Merkel Olaf Scholz battu à la présidence du SPD". La Tribune (en francés). Consultado o 2021-09-14.
- ↑ Luyssen, Johanna. "Olaf Scholz, candidat à la chancellerie d'un SPD exsangue". Libération (en francés). Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Laschet lacht - und bemüht sich um Schadensbegrenzung". www1.wdr.de (en alemán). 2021-07-19. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Die sieben Patzer des Armin Laschet". www.tagesspiegel.de (en alemán). Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Allemagne : fort d'une nouvelle popularité, le SPD Olaf Scholz se rêve en chancelier". Les Echos (en francés). 2021-08-16. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Elections en Allemagne : les sociaux-démocrates du SPD rattrapent la CDU d’Angela Merkel dans les sondages". RTBF Info (en francés). 2021-08-22. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ Diario, Nós. "A última sondaxe en Alemaña sitúa o SPD perto de asaltar a Chancelaría". Nós Diario. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Et si la future « Chancelière » d’Allemagne c’était lui, Olaf Scholz ?". Consultado o 28-8-2021.
- ↑ "En Allemagne, la percée de la gauche rebat les cartes de la succession d'Angela Merkel". Les Echos (en francés). 2021-08-26. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Incerteza na recta final das eleccións alemás". Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Consultado o 2021-10-11.
- ↑ "Sociais-democratas "ganham" a partido de Merkel no debate pré-eleições". euronews (en portugués). 2021-08-30. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Another debate win for Scholz puts German chancellery in reach". POLITICO (en inglés). 2021-09-13. Consultado o 2021-09-14.
- ↑ "Aussage statt Wahlkampf: Olaf Scholz weicht im Finanzausschuss aus". Frankfurter Rundschau. Consultado o 27-9-2021.
- ↑ "Bundestagswahl 2021 - Aktuelle Nachrichten und Hintergründe". www.zdf.de (en alemán). Consultado o 2021-09-27.
- ↑ tagesschau.de. "Parteien vor Sondierungen: SPD zielstrebig, Unruhe in der Union". tagesschau.de (en alemán). Consultado o 2021-09-27.
- ↑ tagesschau.de. "Regierungsbildung: SPD. Grüne und FDP starten Sondierungen". tagesschau.de (en alemán). Consultado o 2021-10-07.
- ↑ 31,0 31,1 "Germany's Scholz seals deal to end Merkel era". BBC News (en inglés). 2021-11-24. Consultado o 2021-11-24.
- ↑ "Olaf Scholz zum neunten Bundeskanzler gewählt und vereidigt". www.zdf.de (en alemán). Consultado o 2021-12-08.
- ↑ News.de-Redaktion. "Olaf Scholz privat: Dieser Frau gehört das Herz des SPD-Kanzlerkandidaten". News.de (en alemán). Consultado o 2021-09-14.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Olaf Scholz |
- Páxina web de Olaf Scholz como candidato a chanceler Arquivado 04 de decembro de 2021 en Wayback Machine. polo SPD (en alemán)
- Biografía de Olaf Scholz no Bundestag (en alemán)