Norah Borges
(1928) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Leonor Fanny Borges Acevedo 4 de marzo de 1901 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 20 de xullo de 1998 (97 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Lugar de sepultura | Cemitério da Recoleta (pt) |
Outros nomes | Norah Borges |
Actividade | |
Ocupación | pintora, crítico de arte, ilustradora, debuxante |
Empregador | La Barraca |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Guillermo de Torre (1928–1971) |
Pais | Jorge Guillermo Borges e Leonor Acevedo Suárez |
Irmáns | Jorge Luis Borges |
Norah Borges, pseudónimo de Leonor Fanny Borges,[1] nada en Buenos Aires o 4 de marzo de 1901 e finada na mesma cidade o 20 de xullo de 1998, foi unha artista plástica e crítica de arte arxentina pertencente ao Grupo de Florida.
Era irmá do escritor Jorge Luis Borges, quen a alcumaba Norah e retratábaa así
En todos os nosos xogos era ela sempre o caudillo, eu o que ficaba atrás, o tímido, o submiso. Ela subía á azotea, rubía ás árbores e aos outeiros. Eu seguíaa con menos entusiasmo que medo.J. L. Borges, Norah
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai foi o avogado Jorge Guillermo Borges; e a súa nai, a tradutora Leonor Rita Acevedo.[2] En 1912 marchou coa familia a Suíza para tratar a cegueira progresiva do pai. Estudou na École deas Beaux-Arts de Xenebra co escultor clasicista Maurice Sarkisoff e con Arnaldo Bossi en Lugano, preto de expresionistas alemáns no exilio como Ernst Kirchner. Con Bossi aprendeu xilografía e a estética expresionista, segundo declarou ela mesma nunha reportaxe de 1940 na revista Atlántida.[3] En Suíza escribiu e ilustrou o seu primeiro libro poético, Notas lejanas (1915).[4] A estancia en Europa prolongouse por mor da Primeira Guerra Mundial até 4 anos.
Nunha viaxe pola Provenza, Norah ficou moi abraiada con Nîmes, paisaxe ao que dedicou algunhas pezas. Posteriormente entraron en España, onde ampliou os seus estudos e participou nas Vangardas. Instaláronse primeiro en Barcelona e logo, en 1919, en Palma de Mallorca, onde Norah estudou con Sven Westman. Alí os irmáns Borges colaboraron na revista Baleares, Norah co seu «Músicos ciegos». Despois, en Sevilla, entraron no Ultraísmo; publicou traballos seus en Grecia, Vltra, Tableros e Reflector, así como o proxecto de portada para El jardín del centauro en 1920, un libro de poemas de Adriano del Valle. Pasaron por Granada e finalmente recalaron en Madrid, onde Norah estudou co pintor Julio Romero de Torres, e estabeleceu amizade amais con Juan Ramón Jiménez. Ilustrou algúns dos seus poemas, mentres que el dedicoulle un dos retratos líricos do seu libro Españoles de tres mundos. Volveron a Palma de Mallorca en xuño de 1920[5] e en marzo de 1921 tomaron un barco de regreso a Buenos Aires.
Como pintora naíf, Norah vinculouse á vangarda literaria formada polo Grupo de Florida e dende a revista Prisma empezou a divulgar o ultraísmo na Arxentina. Porén, tamén explotou o influxo do cubismo que xa comezara a asimilar cos seus contactos franceses en España nas súas ilustracións para revistas como Mural, Proa ou Martín Fierro. Recuperou as imaxes de balaustradas e testos das casas porteñas e imaxes en extinción como as que compoñen a primeira edición de Fervor de Buenos Aires (1923), o poemario do seu irmán Jorge Luis.[6]
En 1923 a revista surrealista Manomètre de Lyon e en 1924 a Martín Fierro publicaron as súas pinturas.[7] En 1926 expuxo 75 traballos (óleos, xilografías, debuxos, acuarelas e tapices) na Asociación Amigos del Arte. En 1928 contraeu matrimonio co español Guillermo de Torre, escritor, crítico, estudoso do ultraísmo e experto nas vangardas artísticas e literarias. Coñecéranse en España cando Norah tiña apenas 19 anos. Tiveron dous fillos: Luis Guillermo (1937-2019) e Miguel (1939-2022).
Na Segunda Guerra Mundial foi vogal suplente na Xunta da Vitoria na Arxentina, asociación feminista antifascista que dirixían Cora Ratto e Ana Rosa Schlieper. Nela militaron a escritora María Rosa Oliver, a fotógrafa Annemarie Heinrich, a psicanalista Mimí Langer, a artista Raquel Forner e o poeta Silvina Ocampo.[8] Norah ilustrou a edición do seu Cuaderno San Martín como fixera antes con Luna de enfrente e Fervor de Buenos Aires, e cos libros Las invitadas (1961) e Autobiografía de Irene (1962) de Silvina Ocampo.[9]
Exerceu a crítica de arte en Anales de Buenos Aires co pseudónimo de Manuel Pinedo. Investigou sobre o gravado e non deixou de pintar practicamente até a súa morte, aínda que regalaba a súa obra e non coidou de realizar exposicións regularmente.[10]
En 1942 publicouse na Arxentina unha edición de Platero y yo de Juan Ramón Jiménez con ilustracións e viñetas de Norah. Tamén exerceu como artista gráfica noutros libros de españois emigrados na Arxentina como Ramón Gómez de la Serna, Rafael Alberti e León Felipe. Amais dos do seu irmán, tamén ilustrou libros doutros escritores arxentinos como Silvina Ocampo, Victoria Ocampo, Adolfo Bioy Casases, Norah Lange e Julio Cortázar. Tamén deseñou escenografía para Federico García Lorca. Foi amiga de Maruxa Mallo e Xul Solar.[11]
Utilizou as técnicas do óleo, a acuarela, o gravado, a xilografía, o debuxo a tinta e lapis, a témperas, o acrílico e o tapiz.
Norah e o seu irmán pertencían a un colectivo de escritores coñecido como o Grupo de Florida. Recibiu este nome porque a redacción de Martín Fierro, a revista en que publicaban, situábase nas proximidades desta rúa bonaerense. Reuníanse na Confeitaría Richmond escritores como Victoria Ocampo, Leopoldo Marechal e Oliverio Girondo, entre outros escritores arxentinos. Situábanse en contraposición dialéctica e literaria co Grupo de Boedo, que publicaba na Editorial Claridad e reuníase no Café El Japonés, de orixe moito máis humilde. Os seus integrantes incluían, entre outros, a Roberto Arlt.[13]
En 2020 organizouse no Museo Nacional de Belas Artes de Buenos Aires (MNBA) a exposición Norah Borges, una mujer en la vanguardia, unha retrospectiva de toda a súa obra. A mostra, con máis de 200 obras entre pinturas, gravados, ilustracións, tapices e textos, foi comisariada polo investigador Sergio Baur.[14][15]
Os seus restos atópanse na bóveda familiar do Cemiterio de Recoleta xunto ao seu esposo e os seus pais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Juan Fernández, Jorge Juan (2019). El hecho religioso diario (en castelán). PPC Editorial. ISBN 9788428833578.
- ↑ "Norah Borges: una mujer en la vanguardia". Ministerio de Cultura (en castelán). 20 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Norah Borges, ilustradora". La Nación (en castelán). 21 de febreiro de 2001. Consultado o 5 de decembro de 2023.
- ↑ Cultura, Equipo de Desarrollo de la Dirección de Sistemas | Secretaría de Gobierno de. "Museo Nacional de Bellas Artes". Consultado o 2021-06-02.
- ↑ "Las pinturas sin viento de Norah Borges". Ramona (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 2 de xuño de 2021.
- ↑ Bradford, Matías Serra (2019-12-13). "Norah Borges en el MNBA. Momento de ser norahístas" (en castelán). Consultado o 2021-06-02.
- ↑ Borges, Norah (febreiro de 1927). "Pinturas". Martín Fierro (en castelán) (38): 307.
- ↑ García Chacón, Irene; Garcerá, Fran (2018). "Cuando la patria es el idioma: la correspondencia inédita de Norah Borges a Gabriela Mistral (1935-1948)". Investigaciones Feministas (en castelán) 9 (1): 29–46. ISSN 2171-6080. doi:10.5209/INFE.56000.
- ↑ "Otro cuadro de la Colección Paideia del Estudio Garrido elegido por Correo Argentino para celebrar la Navidad" (en castelán). 5 de xaneiro de 2017. Consultado o 7 de decembro de 2023.
- ↑ Torresi, Guillermina (23 de agosto de 2016). "Historia de un descubrimiento: Norah Borges, la artista que creaba en la oscuridad". La Vanguardia (en castelán) (Barcelona). Consultado o 7 de decembro de 2023.
- ↑ Canteros, Gabriela (19 de xullo de 2020). "Con B de Borges". Agencia Paco Urondo (en castelán). Consultado o 7 de decembro de 2023.
- ↑ Zurbaran El Arte de los Argentinos (14 de novembro de 2014). Arte - Norah Borges, "El Arte de los Argentinos" Programa 024, Bloque 2 – Zurbarán (en castelán).
- ↑ "Norah Borges y sus personajes que sueñan con el amor.". 3 Minutos de Arte (en castelán).
- ↑ Centenera, Mar (9 de xaneiro de 2020). "Norah Borges sale de las sombras en Argentina". El País (en castelán) (Buenos Aires). ISSN 1134-6582. Consultado o 8 de decembro de 2023.
- ↑ "Una retrospectiva pone en valor la obra de Norah Borges, “la pintora del ultraísmo”". Artishock (en castelán). 13 de xaneiro de 2020. Consultado o 8 de decembro de 2023.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baur, Sergio (2001). "Norah Borges, musa de las vanguardias". Cuadernos hispanoamericanos (en castelán) (610): 87–96. ISSN 0011-250X.
- Lorenzo Alcalá, May (2009). Norah Borges: La Vanguardia Enmascarada. Lectores (en castelán). Buenos Aires: Eudeba. ISBN 9789502316970.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Completa monografía sobre Norah Borges
- Biografía de Norah Borges eneduc.ar Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Biografía e obras de Norah Borges en Museo Ralli Marbella