José Zorrilla
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2020.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) José Zorrilla Moral de la Torre Flavio 21 de febreiro de 1817 Valladolid, España |
Morte | 23 de xaneiro de 1893 (75 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | Panteón de Hijos Vallisoletanos Ilustres (en) (1896–) cemiterio de San Justo de Madrid, 142 (1893–1896) |
Educación | Real Universidade de Toledo (pt) Universidade de Valladolid Seminario de Nobles (pt) |
Actividade | |
Ocupación | dramaturgo, poeta, escritor |
Membro de | Real Academia Española (23–1893) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Parella | Emilia Serrano de Wilson |
Parentes | Rosa Chacel, sobriña neta |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Соррилья-и-Мораль Хосе) Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Zorrilla (José), p.488) Obálky knih, |
|
José Zorrilla y Moral, nado en Valladolid o 21 de febreiro de 1817 e morto en Madrid o 23 de xaneiro de 1893, foi un poeta e dramaturgo en lingua castelá.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo dun home carlista, relator da Real Chancillería, e de Nicomedes Moral, unha muller moi piadosa. Tras varios anos en Valladolid, a familia pasou por Burgos e Sevilla para ó fin establecerse en Madrid cando tiña 9 anos, logrando o seu pai o posto de superintendente de policía. José Zorrilla ingresou no Seminario de Nobles, rexentado polos xesuítas, onde participou en representacións teatrais escolares.
Trala morte de Fernando VII, o seu pai, profundo absolutista, foi desterrado a Lerma, e o fillo enviado a estudar Dereito á Real Universidade de Toledo baixo a vixilancia dun familiar cóengo, en cuxa casa se hospedou; porén, tralo seu fracaso escolar o cóengo devolveuno a Valladolid para que seguise estudando alí (1833–1836). Á súa chegada á cidade natal foi amoestado polo pai, que marchou despois a Torquemada, e por Manuel Tarancón, reitor da Universidade e futuro bispo de Córdoba.
O carácter imposto dos estudos e maila súa atracción polo debuxo, as mulleres (unha curmá da que namorou durante unhas vacacións) e a literatura de autores coma Walter Scott, James Fenimore Cooper, Chateaubriand, Alexandre Dumas, Victor Hugo, o Duque de Rivas ou Espronceda, levaron o seu futuro por outros vieiros. O pai desistiu do intento de tirar proveito do seu fillo e en 1836 mandouno levar a Lerma a cavar vides, pero de camiño o mozo roubou unha mula, fuxiu a Madrid e iniciouse na vida literaria frecuentando os ambientes artísticos e bohemios da vila, malia pasar moita fame.
Finxiu ser un artista italiano para debuxar no Museo das Familias. Publicou algunhas poesías en El Artista e pronunciou discursos revolucionarios no Café Nuevo, que o levaron a ser perseguido pola policía, tendo que refuxiarse na casa dun xitano. Daquela fixo amizade con Miguel de los Santos Álvarez e o italiano Joaquín Masard. Trala morte de Larra en 1837, José Zorrilla declama na súa memoria un improvisado poema co que logra a amizade de José de Espronceda e Juan Eugenio Hartzenbusch, e que o consagraría coma poeta de renome. Comezou a escribir para os periódicos El Español, onde substituíu o falecido, e El Porvenir. Empezou a frecuentar a tertulia de El Parnasillo e leu poemas en El Liceo.
O seu primeiro drama, escrito en colaboración con García Gutiérez, foi Juan Dándolo, estrenado en xullo de 1839 no Teatro del Príncipe. En 1840 publicou os Cantos del trovador e estrenou tres dramas, Más vale llegar a tiempo, Vivir loco y morir más e Cada cual con su razón. En 1842 publica Vigilias de Estío e dá a coñecer as obras teatrais El zapatero y el rey, El eco del torrente e Los dos virreyes.
En 1838 casou con Florentina O'Reilly, unha viúva irlandesa arruinada moito maior ca el e cun fillo, pero o matrimonio foi infeliz; un fillo que tiveron morreu, e el tivo varias amantes. En 1845 abandonou a muller e marchou a París, onde asistiu a algúns cursos na facultade de Medicina[Cómpre referencia]. Alí mantivo amizade con Alexandre Dumas, Alfred de Musset, Victor Hugo, Théophile Gautier e George Sand.
Volveu a Madrid en 1846 ao morrer a súa nai. Vendeu as súas obras á casa Baudry de París, que as publicou en tres tomos en 1847. En 1849 recibiu varias honras: foi nomeado membro da xunta do recentemente fundado Teatro Español; o Liceo organizou unha sesión para exaltalo publicamente e foi admitido na Real Academia Española (se ben non tomou posesión até 1885). Pero o seu pai morreu ese mesmo ano e iso supúxolle un duro golpe, pois o feito de que se negara a perdoalo e as considerables débedas que lle deixou, supuxeron un gran peso na súa conciencia e no seu peto, o que afectou á súa obra.
Fuxindo de novo da súa muller, volveu a París en 1851, onde estivo coa súa amante Leila, e viaxou a Londres en 1853, onde o famoso reloxeiro Losada axudoulle a liberalo dos seus inseparables apuros económicos. Despois pasou once anos en México, primeiro baixo o goberno liberal e despois baixo a protección e mecenado de Maximiliano I, pasando 1858 en Cuba.
Nese país tivo unha vida de illamento e pobreza, sen mesturarse na guerra civil entre federalistas e unitarios. Porén, trala chegada ao poder de Maximiliano I en 1864, Zorrilla converterse en poeta académico e foi nomeado director do Teatro Nacional.
Trala morte da súa esposa, regresou a España en 1866. Tras saber do fusilamento de Maximiliano, verqueu no poema El drama de un alma todo o seu odio contra os liberais mexicanos, así como contra os que abandonaran ao seu amigo, Napoleón III e o Papa. Desde entón a súa fe relixiosa sufriu un duro golpe. Recuperouse casando con Juana Pacheco en 1869, pero regresaron os seus apuros económicos que non puideron evitar nin os recitais públicos da súa obra, nin unha comisión gobernamental en Roma (1873), nin unha pensión outorgada demasiado tarde, aínda que recibía a protección dalgúns personaxes da alta sociedade española coma os condes de Guaqui. Porén, as honras seguían a caer sobre el: cronista de Valladolid (1884), coroación coma poeta nacional laureado en Granada en 1889 etc.
Morreu coma consecuencia dunha operación efectuada para extraerlle un tumor cerebral. Foi enterrado no camposanto de San Xusto de Madrid, pero en 1896, cumprindo a súa vontade, os seus restos foron levados a Valladolid. Na actualidade atópanse no Panteón de Valisoletanos Ilustres do camposanto do Carme.
Literatura
[editar | editar a fonte]Cultivou todos os xéneros poéticos: lírica, épica e dramática.
Na súa vida hai tres elementos de grande interese para comprender a orientación da súa obra.
As relacións co seu pai, home despótico e severo, que rexeitaba por sistema o agarimo do seu fillo, negándose a perdonarlle os seus erros de mocidade. O escritor cargaba consigo unha especie de complexo de culpa, e para superala decidiu defender na súa creación un ideal tradicionalista moi de acordo co sentir paterno, pero en contradición coas súas íntimas ideas progresistas. En Recuerdos del tiempo viejo escribiu: «Mi padre no había estimado en nada mis versos: ni mi conducta, cuya clave él sólo tenía».
O seu temperamento amoroso arrastrábao cara ás mulleres: dúas esposas, un amor xuvenil cunha curmá, amores en París e México... O amor constitúe un dos eixos fundamentais da súa produción.
A súa saúde é o terceiro factor determinante. Na súa autobiografía, Recuerdos del tiempo viejo, fala das súas alucinacións e somnambulismo. A certa altura da súa vida, inventouse un dobre loco (Cuentos de un loco, 1853), que aparece case obsesivamente despois. O papel predominante da fantasía no escritor podería deberse en certo modo á aparición do tumor cerebral, así como no modo en que afectou o seu comportamento.
Segundo o seu biógrafo, Narciso Alonso Cortés, era inxenuo coma un neno, bondadoso e amigo de todos, ignorante do valor dos cartos e alleo á política. Era moi independente, do que se sentía moi orgulloso. Di que debía todo ao seu traballo, e que rexeitou lucrativos postos públicos por non sentirse preparado: «Yo temo que nuestra revolución va a ser infructífera para España por creernos todos los españoles buenos y aptos para todo y meternos todos a lo que no sabemos». Na súa obra asoman preocupacións prerrexeneracionistas a pesar do tradicionalismo autoimposto para non desairar ao seu pai.
Casa Museo Zorrilla en Valladolid
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Casa de Zorrilla.
Alberga a casa natal do poeta, onde transcorreu a súa primeira infancia e á que regresou noutras etapas.
Obra
[editar | editar a fonte]Lírica
[editar | editar a fonte]- Relixiosa (Ira de Dios, La Virgen al pie de la Cruz);
- Amorosa (Un recuerdo y un suspiro, A una mujer);
- Sentimental (La meditación, La luna de enero)
- Tradicional (Toledo, A un torreón)
Épica
[editar | editar a fonte]Lenda
[editar | editar a fonte]- A buen juez mejor testigo
- Para verdades el tiempo y para justicias Dios
- El capitán Montoya
- Margarita la tornera
- La pasionaria
- La azucena silvestre
- La princesa Doña Luz
- A la memoria de Larra
Poesía dramática
[editar | editar a fonte]- El zapatero y el Rey (1839 e 1842)
- Sancho García (1842)
- El puñal del godo (1843)
- Don Juan Tenorio (1844)
- La Calentura (1847)
- Traidor, inconfeso y mártir (1849)