Francisco de Quevedo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2017.) |
Nome orixinal | (es) Francisco Gómez de Quevedo y Santibáñez Villegas |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 14 de setembro de 1584 (Xuliano) Madrid, España |
Morte | 8 de setembro de 1645 (60 anos) Villanueva de los Infantes, España |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Alcalá (histórica) (pt) Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | escritor, poeta, novelista |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía, novela picaresca (pt) e Traxedia |
Movemento | Conceptismo (pt) e Século de Ouro |
Obra | |
Obras destacables
| |
Outro | |
Título | Cavaleiro da Ordem de Santiago (pt) |
Cónxuxe | Esperanza de Mendoza |
Nai | María Gómez de Santibáñez |
Descrito pola fonte | Enciclopedia soviética armenia Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Obálky knih, |
Francisco Gómez de Quevedo y Santibáñez Villegas, nado en Madrid o 14 de setembro de 1580 e finado en Villanueva de los Infantes (Cidade Real) o 8 de setembro de 1645, foi un escritor do Século de Ouro español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]De familia fidalga e oriúnda de Cantabria, a infancia de Quevedo transcorreu na Corte rodeado de potentados e nobres, xa que os seus pais desempeñaban altos cargos no Palacio. O pai, Francisco Gómez de Quevedo, era secretario da princesa María, esposa de Maximiliano de Alemaña, e súa nai, María de Santibáñez, era camareira da raíña. O rapaz, superdotado, de pés deformes, coxo dun, gordo e moi curto de vista, quedou orfo aos seis anos e refuxiouse nos libros dentro do Colexio Imperial dos xesuítas de Madrid. En 1596 marchou á Universidade de Alcalá de Henares, onde estudou ata 1600. Pola súa conta profundou ademais en filosofía, linguas clásicas, árabe, hebreo, francés e italiano. En Valladolid, ata onde foi seguindo a Corte trasladada alí polo Duque de Lerma, estudou tamén teoloxía, para a que faría posteriormente algunhas achegas, como o tratado contra o ateísmo Providencia de Deus.
Xa naquel tempo salientou como poeta e figurou na antoloxía xeracional de Pedro Espinosa Flores de poetas ilustres (1605), mais o conxunto da súa obra poética foi editado postumamente e pode clasificarse dentro do Conceptismo Barroco. Tamén cultivou a prosa, escribindo como xogo cortesán no que o máis importante era a presunción de enxeño, a primeira versión manuscrita dunha novela picaresca, a Vida do Buscón, e un certo número de curtos opúsculos burlescos co que gañou certa celebridade entre os estudantes e dos que habería de renegar na súa idade madura como brincadeiras de xuventude. Igualmente por esas datas sostivo un moi erudito intercambio epistolar co humanista Xusto Lipsio, deplorando as guerras que estremecían Europa, segundo pode verse no Epistolario reunido por Luis Astrá Marín.
Carreira co Duque de Osuna
[editar | editar a fonte]Quevedo volve coa Corte a Madrid en 1606 e reside alí ata 1611 entregado ás letras. Nesta época gañou a amizade de Félix Lope de Vega, do que recibiu numerosos eloxios nos seus libros de Rimas e ao que aprobou as Rimas humanas y divinas de Tomás Burguelos, o seu heterónimo. Tamén ten relación con Miguel de Cervantes, quen lle dirixiu eloxios no Viaje del Parnaso, aos que Quevedo corresponde na Perinola. Con este último pertencía á Confraría de Escravos do Santísimo Sacramento. Pola contra, atacou sen piedade aos dramaturgos Juan Ruiz de Alarcón, cuxos defectos físicos facíanlle graza (era de pelo rubio e chepudo), e Juan Pérez de Montalbán, fillo dun libreiro co que Quevedo tivera certas disputas. Contra este último escribiu La Perinola, cruel sátira do seu libro misceláneo Para todos.
Mais o máis atacado foi, sen dúbida, Luis de Góngora, ao que dirixiu unha serie de terríbeis sátiras acusándoo de ser un sacerdote indigno, de homosexual, de escritor sucio e escuro, entregado á baralla, indecente e sombrío. No seu descargo hai que dicir que Góngora lle correspondeu case coa mesma violencia. Naquel tempo estreitou unha grande amizade con Pedro Téllez Girón, Duque de Osuna, ao que acompañará como secretario a Italia en 1613. Quevedo desempeñou para o duque diversas comisións que o levaron a Niza, Venecia e finalmente a Madrid, onde subornará ("untará a man", escribe el) as vontades necesarias no corrupto contorno do Duque de Lerma. De resultas disto o seu amigo Osuna foi nomeado vicerrei de Nápoles en 1616. Tras volver a Italia de novo co Duque, este encargoulle dirixir e organizar a Facenda do Vicerreinado e desempeñar outras misións, algunhas relacionadas coa espionaxe á república de Venecia. Como recompensa obtivo o hábito de Santiago en 1618.
Ao caer o Duque de Osuna, Quevedo foi desterrado en 1620 á Torre de Juan Abad (Cidade Real), cuxo señorío comprara para el súa nai con todos os seus aforros antes de finar. Os veciños do lugar, porén, non recoñeceron esa compra e Quevedo preiteouu interminabelmente co concello, se ben o preito só se resolveu ao seu favor tras a súa morte, na persoa do seu herdeiro e sobriño Pedro Alderete. Illado xa das intrigas cortesás, Quevedo escribiu algunhas das súas mellores poesías, como o soneto Retirado en la paz de estos desiertos... ou Son las torres de Xorai... e achou consolo ás súas ambicións cortesás e a súa rachadela afectiva na doutrina estoica de Séneca, cuxas obras estudou e comentou, converténdose nun dos principais expoñentes do Neoestoicismo español.
Carreira co Conde-Duque de Olivares
[editar | editar a fonte]A entronización de Filipe IV supuxo para Quevedo o levantamento do seu castigo, a volta á política e grandes esperanzas ante o novo valemento do Conde-Duque de Olivares. Quevedo acompañou o novo rei en viaxes a Andalucía e Aragón, algunhas de cuxas divertidas incidencias conta en interesantes cartas. Por entón denunciou as súas obras á Inquisición, xa que os libreiros imprimían sen o seu permiso moitas das súas pezas satíricas que corrían manuscritas, facéndose ricos á súa costa. Quevedo quixo asustalos e espantalos desa maneira e preparar o camiño a unha edición das súas obras que non chegou a aparecer. Por outro lado, levaba unha vida privada algo desordenada de solteirón: fumaba moito, frecuentaba as tabernas (Góngora acusábao de ser un borrachón e nun soneto satírico chamoulle don Francisco de Quebebo) e os lupanares, a pesar de que vivía amancebado cunha tal Ledesma. Malia iso, en 1632 foi nomeado secretario do monarca, quen non era menos vividor, o que supuxo o cume da súa carreira cortesá.
Este era un posto suxeito a todo tipo de presións: o seu amigo, o Duque de Medinaceli foi fustrigado pola súa muller para que o obrigase a casar contra a súa vontade con dona Esperanza de Aragón, señora de Cetina, viúva e con fillos. O matrimonio, realizado en 1634, apenas durou tres meses e resolveuse ao fin nun divorcio de sona en 1636. En contrapartida foron anos dunha febril actividade creativa: en 1634 publicou La cuna y la sepultura e a tradución de Introducción a la vida devota de Francisco de Sales; de entre 1633 e 1635 datan obras como De los remedios de cualquier fortuna, o Epíteto, Virtud militante, Las cuatro fantasmas, a segunda parte de Política de Dios, a Visita y anatomía de la cabeza del cardenal Richelieu ou a Carta a Luís XIII. En 1635 apareceu en Valencia o máis importante dun dos numerosos libelos destinados a difamalo, El tribunal de la justa venganza, erigido contra los escritos de Francisco de Quevedo, maestro de errores, doctor en desvergüenzas, licenciado en bufonerías, bachiller en suciedades, catedrático de vicios y protodiablo entre los hombres.
Caída e retiro
[editar | editar a fonte]En 1639, con motivo do memorial aparecido baixo o pano do rei ‘‘Sacra, católica, cesárea, real Maxestade...’‘, onde se denuncia a política do Conde Duque, foi detido, confiscáronselle os seus libros e, sen apenas vestirse, foi levado ao frío convento de San Marcos de León ata a caída do valido e a súa retirada a Loeches en 1643. Mais Quevedo saíra xa do encerro, achacoso e moi enfermo, e renunciou á Corte para se retirar definitivamente na Torre de Juan Abad. Foi na súa veciñanza, e tras escribir na súa última carta que "hay cosas que sólo son un nombre y una figura", onde faleceu no convento dos pais Dominicos de Villanueva de los Infantes, o 8 de setembro de 1645. Cóntase que a súa tumba foi violada días despois por un cabaleiro que desexaba ter as esporas de ouro con que fora enterrado e que tal cabaleiro morreu días despois, en castigo por tal atrevemento.
As súas obras foron moi mal recollidas e editadas por José González de Salas, quen retocou os textos, en 1648: El Parnaso español, monte en dos cumbres dividido, con las nueve Musas; tamén moi mal feita é a edición do sobriño de Quevedo e destinatario da súa herdanza, Pedro Alderete, en 1670: Las tres Musas últimas castellanas.
Análise da súa obra
[editar | editar a fonte]O máis orixinal da obra literaria de Quevedo radica no estilo, adscribíbel ao Conceptismo barroco e polo tanto moi amigo da concisión, da elipse e do cortesán xogo de enxeño coas palabras mediante o abuso da anfiboloxía. Amante da retórica, ensaiou ás veces un estilo oratorio cheo de simetrías, antítese e isocola que luciu máis que nunca no seu ‘‘Marco Bruto’‘. De léxico moi abundante, creou ademais moitos neoloxismos por derivación, composición e estereotipia e flexibilizou notabelmente o mecanismo da aposición especificativa en castelán ("clérigo cerbatana, zapatos galeones..."), mecanismo que os escritores barrocos posteriores imitaron del. Na súa sátira acércase ás veces á estética do expresionismo ao degradar ás persoas mediante a reificación ou cousificación, e a animalización. Sinalouse, ademais, como un trazo característico do seu verso, a esticomitia, isto é, a tendencia a transformar cada verso nunha sentenza de senso completo, o cal fai ás súas poemas moi densos de significado, como era prioritario na súa poética, radicada nos principios do conceptismo barroco.
A maior parte da produción poética de Quevedo é satírica, mais como xa apercibiu o abade José Marchea as súas sátiras están mal dirixidas e, aínda que consciente das causas verdadeiras da decadencia xeral, é para el máis un mero exercicio de estilo que outra cousa e vértense contra o baixo pobo máis que contra a nobreza. Do mesmo xeito que outros escritores españois do século, coma Luis de Góngora, Quevedo tamén participou de mofas e escarnios dirixidos contra Galiza e os galegos.[1] Nesta faceta satírica non tivo o atrevemento de, por exemplo, o outro gran satírico da súa época, Juan de Tassis e Peralta, segundo Conde de Villamediá.
Cultivou tamén unha fina lírica cortesá realizando un cancioneiro petrarquista en temas, estilo e tópicos, practicamente perfecto en técnica e fondo, en torno á figura de Lisi, que non hai que identificar con ningunha dama concreta, senón cun arquetipo quintaesenciado de muller. Destacan sobre todo os seus sonetos metafísicos, onde expón o seu máis íntimo desconsolo existencial, e os seus salmos, onde revela unhas dúbidas relixiosas extremas, próximas ás veces á descrenza absoluta do nihilismo. A visión que dá a súa filosofía é profundamente pesimista e de trazos preexistencialistas. O leito preferido para a abundante vea satírica de que fixo gala é sobre todo o romance, mais tamén a letrilla ("Poderoso Caballero es Don Dinero"), vehículo dunha crítica social á que non se lle esconden os motivos máis profundos da decadencia de España, e o soneto.
Abominou da estética do Culteranismo, a cuxo líder, Luis de Góngora, atacou violentamente en sátiras persoais. Contra a pedantería e escuridade que lle imputaba propúxose tamén editar as obras dos poetas renacentistas Francisco da Torre e Frei Luis de León.
Obras
[editar | editar a fonte]Obras políticas
[editar | editar a fonte]- Política de Dios, gobierno de Cristo y tiranía de Satanás, a primeira parte escribiuna en 1617 e imprentouse en 1635,intenta extraer unha doutrina política dos Evanxeos.
- Vida de Marco Bruto, 1644, glosa da vida correspondente ao famoso asasino de César escrita por Plutarco.
- Mundo caduco y desvaríos de la edad (escrita en 1621, editada en 1852)
- Grandes anales de quince días (1621, editada en 1788), análise da transición entre os reinados de Filipe III e Filipe IV.
- Lince de Italia y zahorí español (1628, editada en 1852).
- El chitón de Tarabillas (1630), onde critica as disposicións económicas do Conde-Duque de Olivares e insinúa a súa ascendencia xudía.
- Execración contra los judíos (1633), alegación antisemita que contén unha velada acusación contra don Gaspar de Guzmán, Conde-Duque de Olivares e valido de Filipe IV.
Obras ascéticas
[editar | editar a fonte]- Providencia de Dios, 1641, tratado contra os ateos que intenta unificar estoicismo e cristianismo.
- Vida de San Pablo, 1644.
- Vida de Santo Tomás de Villanueva, 1620.
Obras filosóficas
[editar | editar a fonte]- La cuna y la sepultura para el conocimiento propio y desengaño de las cosas ajenas (1635).
- Las cuatro pestes del mundo y los cuatro fantasmas de la vida (1651).
Crítica literaria
[editar | editar a fonte]- La aguja de navegar cultos con la receta para hacer Soledades en un día (1631), satírica turrada contra os poetas que usan a linguaxe gongorina ou culterá.
- La culta latiniparla (1624), burlesco manual para falar en linguaxe gongorina.
- La Perinola (1633, editada en 1788), ataque contra o Para todos de Juan Pérez de Montalbán.
- Cuento de cuentos (1626), redución ao absurdo dos coloquialismos máis baldeiros de significado.
Obras festivas
[editar | editar a fonte]- Premática y aranceles, hechas por el fiel de las putas, Consejos para guardar la mosca y gastar la prosa, Premática del tiempo, Capitulaciones matrimoniales e Capitulaciones de la vida de la Corte son sátiras dos xéneros burocráticos habituais nas chancelerías e que se aplican a temas grotescos.
- Cartas del caballero de la Tenaza (1625), humorística descrición das epístolas intercambiadas entre un cabaleiro sumamente cotroso e o seu amante, que quere sacarlle diñeiro por calquera medio.
Obras satírico-morais
[editar | editar a fonte]Os Sueños, compostos entre 1606 e 1623, circularon abundantemente manuscritos mais non se imprimiron ata 1627. Trátase de cinco narracións curtas de inspiración Lucianesca onde se pasa revista a diversos costumes, oficios e personaxes populares da súa época. Son, por esta orde, El Sueño del juicio final (chamado a partir da publicación de Juguetes de la niñez, a versión expurgada de 1631, El Sueño de las calaveras), El alguacil endemoniado (redenominado El alguacil alguacilado), El Sueño del Infierno (isto é, Las zahúrdas de Plutón na súa versión expurgada), El mundo por dentro (que mantivo o seu nome sempre) e El Sueño de la Muerte (coñecido como La visita de los chistes).
Da estirpe dos Sueños son dúas chamadas "fantasías morales". Trátase do Discurso de todos los diablos e de La Hora de todos. Ambas as dúas son tamén sátiras lucianescas de característico ton xocoso, aínda que na súa factura e creatividade superan aos Sueños:
- Discurso de todos los diablos o inferno emendado (1628), publicado nalgunhas versións como El peor escondrijo de la muerte e, a partir de 1631, na versión expurgada na que aparecen tamén os cinco Sueños cos títulos cambiados que se enumeran máis enriba, co título de El entremetido y la dueña y el soplón.
- La hora de todos y la Fortuna con seso, variación sobre o tema do mundo ao revés en que a Fortuna recobra o xuízo e dá a cada persoa o que realmente merece, provocando tan gran trastorno e confusión que o pai dos deuses debe volvelo todo á súa primitiva desorde.
A novela picaresca Historia de la vida del Buscón, llamado Don Pablos; ejemplo de vagabundos y espejo de tacaños apareceu impresa en Zaragoza en 1626, mais existen tres versións máis da obra con grandes diverxencias textuais. O problema é complexo, pois todo parece indicar que Quevedo retocou a súa obra varias veces. A versión máis antiga é o manuscrito 303 bis (olim Artigas 101) da Biblioteca de Menéndez Pelayo a causa do cotexo das variantes e a maneira en que uns testemuños se agrupan fronte a outros. A impresión de 1626 foi asumida, se non controlada, por Quevedo, segundo o propio autor declara no seu memorial Su espada por Santiago (1628) e a sinceridade das súas palabras é confirmada por outros datos, así que en realidade non pode sosterse que se fixera sen permiso do autor. Mais esta versión non foi a última, pois don Francisco volveu sobre ela para retocar algúns pormenores narrativos, amplificar o retrato satírico de varios personaxes secundarios e paliar as expresións que xulgaron irreverentes ou blasfemas os redactores de dous libelos antiquevedianos, o Memorial enviado á Inquisición contra os escritos de Quevedo (1629) e El Tribunal de la Justa Venganza (1635). Destes retoques dan fe os outros manuscritos.
Trátase dun divertimento no que o autor se comprace en ridiculizar os vans esforzos de ascensión social dun pobre diabo pertencente ao baixo pobo; para iso exhibe cortesanamente o seu enxeño por medio dun brillante estilo conceptista que degrada todo o que toca, cousificándoo ou animalizándoo, utilizando unha estética preexpresionista que se aproxima a Goya, Solá e Valle-Inclán e non retrocedendo ante as grazas máis repugnantes. A caracterización apenas existe: trátase só dun vehículo para o lucimento aristocrático do autor.
Traducións
[editar | editar a fonte]- Introducción a la vida devota, de San Francisco de Sales
- De los remedios de cualquier fortuna (1638), versión libre de Séneca.
- El Rómulo, 1632, do marqués Virxilio Malvezzi
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Freixeiro Mato (2009) en García Negro, Sobre o racismo lingüístico, Eds. Laiovento
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco de Quevedo |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Quevedo na súa lingua orixinal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |